A Escola do Alpendre rescata a corrida do Antroido Bergantiñán

Xa se poden ver por Carballo os carteis coma anunciando a celebración antroideira que propón a Escola do Alpendre e que trata de recuperar os traxes (que non disfraces) históricos que seguen vivos, por exemplo, cos Guadamitos e Ghuadineros de Cerqueda.
Xa en 2016 a entidade comezara esta recuperación do Antroido de Oza, xurdidos logo dun traballo de investigación en Rececinde ou Santa Baia en Coristanco e tamén nas zonas carballesas de Baldaio, Sísamo e Cances. Foi precisamente en Cances onde recuperaron o traxe que lucirán este ano o alumnado e moitos achegados que participaron dos obradoiros de confección que celebrou a Escola durante o mes de xaneiro.
Todo para facer unha boa festa o sábado 10 de febreiro, a partir das 16:30 horas, coa corrida do Antroido pola aldeas da parroquia de Oza e ás 21:30, ruada de Antroido. Sairán do Local Social de Oza para iniciar unha ruta por todas as casas do Vilar do Carballo e arredores. Logo de volta no local, farán a corrida do galo e unha grande ruada ata que o corpo aguante a partir das 21:30h.
Os que tamén forma parte desta recuperación etnográfica son os burros, xa que durante as investigacións, os informantes falaban de que era costume polo Antroido, mandar burros con mensaxes satíricas a xeito de mofa ao resto da veciñanza.
Máis novas do Entroido