Martes. 30.04.2024
El tiempo

A Festa do Bosque, a romaría xenuína

Festa do Bosque-Carballo 2023-Baixada barcos
A Baixada de barcos de Papel é o gran momento da romaría
A Festa do Bosque, a romaría xenuína

O San Xoán carballés non remata ata entrado o mes de xullo. E faino coa fermosa Festa do Bosque, unha desas romarías que manteñen viva a esencia das festas familiares de sempre. Esquecida durante moito tempo, foi rescatada a década pasada con rotundo éxito, sendo a día de hoxe unha cita ineludible para centos de familias da comarca de Bergantiños.

O fermoso bosque do Anllóns énchese de mesas e cadeiras, de grellas e tortillas e pementos (houbo quen levou ata un xamón), de café de pota e larpeiras, de foliadas improvisadas, sestas e pachangas nos campeiros… unha estampa de romaría auténtica, das de toda a vida.

A sesión vermú sácanos da mesa familiar e obríganos a ir botar unhas pezas e mesturarnos coa xentiña da parcela veciña. Xa pola tardiña, e despois do certame de sobremsas, comezan os xogos populares, para que pequenos, e non tanto, boten unhas risas caendo na carreira de sacos, os zancos ou no tiro da corda.

Festa do Bosque-Carballo 2023-Xogos

Festa do Bosque-Carballo 2023-Xogos 2

Todo, mentres a xente fai pacientemente cola para inscribir a súa creación na 107 concurso mundial de baixada de barcos de papel por auga doce no Anllóns. É a gran cita da Festa, que este ano ademais batiu todas as marcas: 253 barcos participantes, que de 10 en 10, van pasando paseniño polo andamio, e van lanzando os seus prototipos.

A creatividade é máxima. Ás clásicas formas de barquiños de papel, súmanse as sempre seguras caixas de EstrellaGalicia. Pero ollo cos Titanic, a embarcación de Salvamento Marítimo e outras formas que fixeron do Anllóns un verdadeiro desfile de arte papirofléxica.

Festa do Bosque-Carballo 2023-Baixada barcos  2

Festa do Bosque-Carballo 2023-Baixada barcos 3

Festa do Bosque Carballo baixada barcos papel 2023

Comentarios