xoves. 18.12.2025
El tiempo

O goberno carballés presenta os orzamentos para 2026

O alcalde, Daniel Pérez, e a concelleira de Facenda, Belén Lendoiro
O alcalde, Daniel Pérez, e a concelleira de Facenda, Belén Lendoiro
O goberno carballés presenta os orzamentos para 2026

Presentou onte o goberno do Concello de Carballo a súa proposta de orzamentos para o ano 2026. Unhas contas que tras pasar pola comisión, terán que ser aprobados no pleno do vindeiro luns 29, ás 20.30 horas, na última sesión do ano.

As cifras son as máis altas da historia da vila: 37.673.150 euros. Un incremento do 11,12% con respecto ao ano 2025 que obedece na súa maior parte á consecución de 6.547.727 euros dos fondos europeos EDIL, cos que se financiarán proxectos valorados en 10,9 millóns de euros entre os anos 2026 e 2029. O Concello de Carballo terá que achegar o 40% dese investimento total, e por iso no orzamento deste ano figura unha operación de crédito “razoable e ben medida”, como a definiu o alcalde, por importe de 889.318 euros.

Daniel Pérez salientou, así mesmo, a suma de investimentos e prestación de servizos supón o 63% do orzamento. Estes dous capítulos de gasto marcan, dixo, “a liña estratéxica do goberno municipal de Carballo, no que apostamos pola mellora e o reforzo continuo dos servizos públicos".

Investimentos

Os investimentos sumarán o próximo ano 6.390.540,73 euros, unha previsión que se verá incrementada ao longo do exercicio grazas ao remanente de tesourería. No anexo de investimentos figuran máis se sesenta conceptos diferentes, se ben as partidas máis cuantiosas son as destinadas á:

  • Rede de abastecemento de auga e saneamento nos lugares da Grela e O Monte, con 571.815,64 euros;
  • A humanización da avenida de Fisterra, en convenio coa Xunta, por 510.660,98 euros;
  • A reurbanización das rúas Cervantes, parte da Gran Vía, Túnel, Cesteiros e Praza do Concello, que suman case 1 millón de euros, e forman parte dos proxectos financiados cos fondos EDIL;
  • A Praza de Vigo, por 337.500 euros,
  • A rede de abastecemento de auga desde O Almacén ata Vilar de Francos, en Artes, por 299.587,46 euros.

Os fondos europeos tamén permitirán iniciar outras actuacións, como a reforma da primeira planta do mercado municipal, que ten un orzamento de 332.750 euros, e que forma en parte dun plan de modernización e dinamización do espazo que conta cun orzamento global de 412.750 euros.

O alcalde destacou, así mesmo, os investimentos en instalacións deportivas:

  • 137.615,84 euros para a primeira fase da cidade deportiva,
  • 155.000 para a reforma da pista de atletismo do Chorís,
  • 70.000 para a iluminación do campo de fútbol do Carral,
  • 60.000 para equipamento deportivo ou 45.000 para a reforma da pista polideportiva da Praza da Milagrosa.

E tamén se referiu a outras áreas estratéxicas, como a promoción empresarial, con novos investimentos no polígono de Bértoa por valor de 60.000
euros; a cultura, con partidas que abranguen desde a reforma do Pazo da Cultura ata a instalación de redes wifi gratuítas nos centros sociais; a posta en valor das zonas verdes e dos espazos naturais, con propostas con a segunda fase da renovación da pontes de madeira no paseo do Anllóns, por 125.000 euros; a creación dunha nova zona verde no Rego da Balsa e a renaturalización dese ámbito, por 486.500, ou a mellora dos parques infantís, por 150.000.

Hai outra partida  destinada ao mantemento de vías no rural, un 69,49% máis ca este ano, ata acadar os 300.000 euros, sen contar a pavimentación de accesos a vivendas ou o plan de camiños financiado con fondos Agader.

Rexedor e concelleira destacaron o reforzo no gasto social, con máis de 6 millóns de euros, para cubrir as necesidades da poboación. 2 millóns van destinados ao servizo de axuda no fogar, que vai en aumento cada ano. “Os concellos -dixo o alcalde- temos que compensar as carencias de financiamento do Estado e da Xunta. Non é un problema exclusivo de Carballo, senón de todos os concellos, e esixe unha solución máis pronto ca tarde, porque a este ritmo o sistema pode chegar a colapsar”.


En materia de persoal, o Concello de Carballo xa incorpora no orzamento a recente suba dos salarios dos traballadores públicos aprobada polo Goberno do Estado, o que supón un aumento de 500.000 euros no capítulo 1 de gastos.
Neste sentido, a concelleira de Facenda destacou que no 2026 non se modificará ningunha taxa nin ningún imposto.

Comentarios