Venres. 29.03.2024
El tiempo

O IES Monte Neme recibe un novo premio de innovación a nivel estatal para crear Cobots

alumnado_IES monte_neme_I Proxecto 50 COBOTS
Alumnado do IES Monte Neme que participan no Proxecto 53RV1C10 5.0
O IES Monte Neme recibe un novo premio de innovación a nivel estatal para crear Cobots

Xa non é o primeiro que levan, pero esta rapazada do IES Monte Neme de Carballo estannos acostumando á excelencia en materia de robotización. Acaba de facerse pública a resolución da convocatoria do Ministerio de Educación e FP dos premios a Proxectos de Innovación e transferencia de coñecemento na Formación Profesional. E aí está, coa maior puntuación, o centro carballés, no marco do proxecto “53RV1C10 5.0 - da Industria 4.0 ao Servizo 5.0”.

Un proxecto coordinado polo IES Universidade Laboral de Culleredo, no que participan ademais o CEIF Don Bosco e a empresa Tecdesoft, que acaba de ser premiado cunha cantidade de 155.900 €. 46.200 serán especificamente para o centro carballés.

O obxectivo primario do proxecto 53RV1C10 5.0 é a incorporación de Cobots (collaborative robots) ao sector servizos para que axude aos traballadores e traballadoras da hostalería na realización das operacións monótonas, mecánicas e impersoais que se realizan no seu traballo. Non se trata de crear un “robot camareiro”, senón crear un axudante que permita ofrecer un servizo máis personalizado.

Preténdese ofrecer un novo e mellor servizo ás persoas coa creación dun novo concepto: o Servizo 5.0.

O Monte Neme, un centro de innovación

O proxecto lembra os 40 anos de historia do IES Monte Neme onde se ofrecen ensinanzas de Bacharelato e ensinanzas de Formación Profesional nas familias profesionais de Electricidade e Electrónica e Fabricación Mecánica, entre outras.
Nos últimos anos IES Monte Neme participou en numerosos programas de innovación educativa e recibiu varios premios en convocatorias no ámbito da Formación Profesional, na comunidade autónoma de Galicia.

Os proxectos “Automatización e supervisión cun robot de seis eixes” e “Proxecto integral de seguridade electrónicá foron premiados no 2014 na convocatoria de premios para o desenvolvemento de proxectos de innovación tecnológica ou científica e proxectos de innovación didáctica no ámbito da FP, en centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (Galicia). O “Adestrador para instaladores de fibra óptica en ICT2”, foi seleccionado na convocatoria do 2015.

O proxecto “Ti2=i”, en colaboración coa ONCE e ASPABER, permitiu detectar oportunidades de iniciativas empresariais relacionadas coa elaboración de material e adestradores adaptados á práctica de rutinas diarias en persoas con discapacidad, no curso 2017.
A posta en marcha do proxecto “Aula Maker NEMET”, no curso 2018, supuxo a implantación dun Aula Maker no centro, dotada do equipamiento correspondente que permite a adquisición de coñecementos relacionados coas competencias STEAM, especialmente roubótica e impresión 3D.

Novas do Monte Neme

Comentarios