O IES Monte Neme, vangarda tecnolóxica aplicada ao sector primario
-
O proxecto de FP “OnDaS IoTLAB” do IES Monte Neme recibe 55.000€ para seguir medrando

Segue ampliando a súa oferta tecnolóxica o IES Monte Neme, que ademais celebra o premio que vén recibir. O seu espazo de tecnoloxía aplicada na Formación Profesional “OnDaS IoTLAB. Ondas de cambio no sector primario”, resultou gañador do programa “Espazos de tecnoloxía aplicada”. Un proxecto formulado para a dixitalización aplicada a posta en valor do sector primario, incidindo en temas tan transversais como a mellora da eficiencia enerxética, a redución do impacto ambiental e a protección da biodiversidade.
O centro recibe unha contía de 55.000 euros de fondos Unión Europea – NextGenerationEU, par dar continuidade ao Proxecto de innovación Redicir, centrado na agricultura de precisión, seguimento de gandaría e paisaxismo intelixente, que se está a desenvolver durante o curso 2023/24 no centro educativo. Contará con diferentes tecnoloxías e dispositivos, como o Internet das Cousas (IoT), a robótica colaborativa e a intelixencia artificial, o equipamento audiovisual, a impresión 3D, a realidade mixta/virtual ou a drónica.
”Tendo en conta o momento actual de transformación dixital, así como o gran potencial agrícola, forestal e natural da comarca de A Costa da Morte, o Espazo OnDaS IoTLab está aberto a novas colaboracións con empresas, entidades e centros educativos, favorecendo a conexión e creación de sinerxías con outras familias profesionais e a aparición de novas oportunidades de emprendemento”, explican.
Así mesmo, o espazo de tecnoloxía aplicada abre a posibilidade de formación especializada por parte de empresas tecnolóxicas, de xeito paralelo á posta en marcha do novo Curso de Especialización en Internet das Cousas (IoT) e módulo complementario de robótica colaborativa, ofertado no IES Monte Neme durante o curso 2024/25 na modalidade intensiva dual. Esta ensinanza conta co apoio de diversas empresas da comarca (Electricidade Rafael, Inelca, Sector Vending, Aper, Detergit, Glaucor, Instalacións Conecta, Energal, IDM Pereira e Agrotec Entrecanles, entre outras). Está prevista a colaboración con diferente familias profesionais, entre elas Agraria e Hostalaría.
Vindeiro curso
O Departamento de Electricidade de Electrónica do centro, prepara o Curso de Especialización de Internet das Cousas que está previsto impartir a partir do vindeiro curso, que terá como principal novidade a creación Curso de Especialización en modalidade de dual intensiva con varias empresas da comarca, tendo en conta que o prazo inicial de solicitudes rematou pero aínda quedan prazas vacantes, polo que o centro abrirá un novo prazo para as prazas liberadas a partir do 24 de xullo. Estade atentas á web do centro emais en https://www.edu.xunta.gal/fp/asistente-informatico.