Os institutos de Bergantiños únense arredor da Foliada

Fermosa xornada foliadeira a que se viviu esta orballenta mañá de venres 30 de maio na praza do Concello de Carballo. Catro institutos celebraban o Encontro Bergantiñán, unha cita histórica entre máis de 150 alumnos do IES Monte Neme, Alfredo Brañas, Isidro Parga Pondal (Carballo) e Eduardo Pondal (Ponteceso).
Foi toda unha unha xornada de convivencia e celebración da cultura galega que puxo en valor a figura das cantareiras, homenaxeadas este ano nas Letras Galegas.
A actividade centrouse na figura de Teresa dos Cucos, icona viva da tradición oral e da música transmitida de xeración en xeración. O alumnado participou activamente bailando a Muiñeira de Sofán e algúns deles cantanto e animando unha marabillosa foliada para que os outros puidesen moverse no torreiro. Moitos deles experimentaron por primeira vez a emoción de formar parte desta herdanza cultural.
O evento foi conducido por Xurxo Souto e Alberto Liñares, que conseguiron crear un ambiente de entusiasmo e orgullo colectivo. Xurxo Souto destacou: “Somos un pobo de artistas” e proclamou que “na revolución das pandeiretas, Carballo é o centro do mundo”.
A implicación do alumnado foi total, demostrando que a tradición pode enganchar. A emoción da malpicá de Pontella, Teresa dos Cucos, quen afirmou que “cantou toda a vida” e que “non hai maior alegría”, contaxiou a todos os presentes.
Segunda edición
Este proxecto colaborativo entre os centros educativos foi tan ben acollido que xa se está a falar dunha segunda edición.” A xornada reafirmou o compromiso da comunidade educativa coa promoción da cultura galega e co fortalecemento dos lazos entre as novas xeracións e as súas raíces”, explica Alberto Liñares, un dos mestres organizadores. “É importante facer estas cousas colaborativas entre centros e para todo isto hai que agradecer a axuda do Concello e a labor dos docentes que conseguiron armar unha gran festa coa nosa música”.
Ademais o alumnado puido ver a exposición que está nas Escolas do Xardín Agra de Caldas que fai un percorrido polas cantareiras da zona, mostrando os procesos de recollida de toda a información e personificando na xente que temos na zona.