Mon Lendoiro pon arte para as Letras Galegas carballesas
- A Asociación Cultural Lumieira organiza este domingo 17 de maio, a partir das 11:00 h. na praza do Concello, o concurso de Debuxo e Pintura Luis Calvo Sanz na edición número 44.
O Concello de Carballo non só celebra a literatura neste 17 de maio, senón que aposta por unha iconografía propia que pon en valor o noso talento local e reivindica o papel fundamental da muller na cultura galega.
Con motivo do Día das Letras Galegas 2026 presentamos unha imaxe de Begoña Caamaño realizada polo artista carballés Mon Lendoiro. Esta nova ilustración súmase á de Rosalía de Castro, que pode verse no xardín dedicado á autora, e agardamos que forme parte dunha futura serie de imaxes de mulleres que sigan embelecendo e dando identidade á nosa vila.
Para dar a coñecer esta nova obra, o Concello elaborou unha gran lona que se colocará a semana que vén na rúa Coruña, e tamén marcapáxinas, carpetas conmemorativas e fichas para pintar que se repartirán entre o 11 e o 15 de maio nos centros de ensino. O obxectivo é que a figura e a mensaxe de Begoña Caamaño —"É o tempo do feminismo" — cheguen a todo o alumnado de xeito creativo.

Concurso de debuxo
En paralelo, a Asociación Cultural Lumieira organiza este domingo 17 de maio, a partires das 11:00 h. na praza do Concello, o concurso de Debuxo e Pintura Luis Calvo Sanz na edición número 44.
Poderá participar toda a rapazada desde 1° de primaria ata 2° da ESO. Haberá catro categorías, segundo o curso, e en cada categoría tres premios dun lote de libros. Ao final do concurso sortearanse dúas bicicletas para o cal os gañadores terán que estar presentes.
