Venres. 26.04.2024
El tiempo

O PP reclama a inclusión de Carballo na mesa de negociación da futura área metropolitana da Coruña

O PP reclama a inclusión de Carballo na mesa de negociación da futura área metropolitana da Coruña
O grupo municipal do Partido Popular de Carballo, encabezado por Aurelio Núñez, presentou esta onte unha moción instando ao goberno local a que solicite a inclusión de Carballo na mesa de negociación, composta polos alcaldes de Coruña, Abegondo, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada, encargada do deseño da futuro da área metropolitana da Coruña. Os populares entenden que, por poboación e por peso económico na comarca, Carballo non pode quedar excluído do proceso constitutivo dunha estratexia que, segundo Núñez, debe servir para afrontar retos tan importantes como o deseño do transporte metropolitano, a mellora da mobilidade, o ordenamento urbanístico, os plans de medio ambiente, a xestión da auga ou o tratamento dos residuos. “Á marxe das tres cidades - Coruña, Ferrol e Santiago -, Carballo é un dos grandes municipios da provincia. Estamos a falar dun concello con máis de 30.000 habitantes que non poden quedar fora dun proceso tan importante como a constitución dunha área metropolitana”, apuntou o portavoz dos populares. Neste sentido, Núñez “non entendería” que o alcalde de Carballo - Evencio Ferrero - deixase pasar a oportunidade de defender o dereito dos veciños de Carballo a estar representados, desde o primeiro momento, nos foros adecuados para “achegar, suxerir e estudar” todas aquelas propostas que permitan mellorar a súa calidade de vida, promover unha área urbana sustentable, construír unha economía local competitiva e establecer unha estratexia integrada. Fonte

Comentarios