As obras do cemiterio carballés continúan avanzando a pesar da falta de suministro
As obras de ampliación do cemiterio municipal de Carballo seguen avanzando a pesar de que a falta de suministros do material de construción provocou certos retrasos nos traballos desenvoltos por Vázquez y Reino por un montante de 647.000€.
Estes días estase procedendo á colocación das cubertas dos novos panteóns, que están moi avanzados, e de seguido iniciarase a construción dos columbarios.
Nesta primeira fase está previsto construir 720 novos nichos e 96 columbarios, pero en total serán 456 novos panteóns con 1.824 nichos e de 256 columbarios distribuídos en 64 columnas.
Así mesmo, en cumprimento da lexislación autonómica sobre sanidade mortuoria, nesta primeira fase procederase á instalación dun forno incinerador para a eliminación de roupas, útiles, madeiras e demais residuos procedentes da evacuación e limpeza de sepulturas ou do propio cemiterio. A intervención complétase coa urbanización da contorna, mediante a pavimentación das rúas que comunican os bloques de nichos e columbarios, a instalación de bancos, luminarias, papeleiras e billas.