Os peque-labregos pasan a peque-feirantes


Parécenos importantisimas estas sesións de achegamento ao mundo da agricultura dende o berce. Son moitas as escolas da Costa da Morte que utilizan a horta como método de aprendizaxe do máis cercano, e como medio para concienciar sobre os produtos ecolóxicos e sobre o traballo do agro. En Carballo, ademais, os peque-labregos prantan en ecolóxico e xa ata montan Peque-Feiras.
O Xardín Municipal ateigouse na mañá do venres 29 de maio para a celebración da primeira Pequefeira do Horto Infantil Ecolóxico Municipal. Ata sete postos dos CEIP Gándara-Sofán, Nétoma-Razo, Bergantiños e Xesús San Luís Romero, do Colexio Artai, do CRA Ponte da Pedra e tamén dos cativos e cativas do obradoiro "O cole de herba" -que se desenvolve de cotío nas instalacións da rúa Nardos- venderon leitugas de distintos tipos, cenorias, herbas aromáticas, purín de ortigas, cola de cabalo, flores, acelgas e máis produtos cultivados de forma ecolóxica e de alta calidade.
Impresionantes as caras deses veciños e veciñas que pasaban polo Xardín para cotexar a calidade dos produtos e escoitar as arengas dos xa peque-feirantes que animaban entusiasmados a comprar sen parar.
Coa recadación obtida na Pequefeira, serán os propios cativos e cativas quen decidan o que fan entre todos, ben investindo de novo no Horto, ben desenvolvendo algunha actividade educativa, comprando novo material, etc.
O Concelleiro impulsor da iniciativa, Xosé Regueira, explicou que o Horto Infantil é "un proxecto ilusionante e divertido" que, ademais, "conciencia sobre os produtos ecolóxicos e sobre o traballo do agro". O Alcalde en funcións, Evencio Ferrero, subliñou que "o Horto é educación”.
