A Praza do Pombal de San Miguel de Vilela, outra obra carballesa finalista aos Premios FAD
A semana pasada coñeciamos que o Centro Social de Goiáns optan aos Premios Arquitectura 2026. E Carballo segue de noraboa en materia urbanística porque vén de coñecer que o propio centro así como a Praza do Pombal de San Miguel de Vilela, dous proxectos impulsados polo goberno local, foron seleccionados para a 68ª edición dos Premios FAD (Fomento das Artes e do Deseño), os galardóns máis lonxevos e recoñecidos da península Ibérica que distinguen a excelencia na arquitectura e o urbanismo.
Tras esta primeira selección, o xurado oficial fará pública a lista definitiva de finalistas entre o 15 de maio e o 1 de xuño, como paso previo á gran cerimonia de entrega de premios que terá lugar o 17 de xuño no prestixioso Disseny Hub de Barcelona.
"Que Carballo compita de ti a ti coas grandes capitais ibéricas nos Premios FAD é a proba de que a arquitectura de vangarda e a calidade urbana non teñen por que quedar nos centros das cidades. Para nós é un orgullo que proxectos en Xoane ou Vilela sexan hoxe un referente de como transformar as nosas parroquias en espazos máis amables, modernos e orgullosos da súa identidade", sinalou o alcalde, Daniel Pérez.
Xa temos falado do Centro Socialde Goiáns, así que repasamos a importancia da Praza do Pombal de San Miguel de Vilela, obra do recoñecido arquitecto Carlos Seoane González. Esta intervención supón unha recuperación exemplar do patrimonio e do espazo público arredor da igrexa parroquial, integrando o antigo pombal nun tecido urbano máis amable e accesible para a veciñanza.
