Razo, Baldaio-As Saíñas e Pedra do Sal, as praias con mellor nota medioambiental
As praias de Razo, Baldaio-As Saíñas e Pedra do Sal xa contan con dúas certificacións internacionais que avalan a súa calidade medioambiental e de xestión de servizos. Trátase do ISO 14.001:2004 e do Esquema Europeo de Ecoxestión e Ecoauditoría (EMAS)./p>
O proceso para a consecución destes distintivos para Carballo, único concello da Costa da Morte que conta con certificados de calidade para as súas praias, comezou en xaneiro deste ano, e, segundo explica o responsable de Protección Civil, Javier Souto Facal, supuxo a realización de numerosas auditorías e controis de boas prácticas que inclúen dende análises relativos á limpeza dos areais e das súas augas, ao servizo de socorrismo pasando pola xestión da empresa de recollida de lixo ata o funcionamento das áreas de Medio Ambiente e Praias do Concello.
Mala temporada de verán
O balance da tempada de praias do ano 2014, demostra que estivo marcada fundamentalmente polas malas condicións meteorolóxicas. O membro de Protección Civil Javier Souto Facal subliña que dos 92 días en que estivo activo nos areais o servizo de salvamento e socorrismo, tan só oito foron considerados de "bo tempo", con "ceos despexados e sen vento”.
Así, o total de atencións rexistradas é de 353, con 238 en Razo e 115 en Baldaio-As Saíñas e Pedra do Sal, mentres que en 2013 tan só en Razo xa se tiñan rexistrado 359. Respecto dos salvamentos, Souto Facal sinala que se mantén a media dos últimos 14 anos de un ou dous rescates por tempada. Desta volta, rexistrouse un salvamento en Razo o sábado 23 de agosto na zona intermedia do areal dun veciño de Carballo de 51 anos; e outro o 1 de setembro en Baldaio-As Saíñas nas proximidades do posto de socorrismo e no que estivo implicado un mozo de 22 anos veciño de Inglaterra.
Disfruten da Senda Litoral pola zona que nos prepara Turismo Carballo.