mércores. 04.02.2026
El tiempo

As Aulas CeMIT de Carballo e Fisterra, entre as máis destacadas do país

Aula CEMIT de Carballo
Onte visitaron a a aula CeMIT o alcalde Daniel Pérez, acompañado polo concelleiro de Innovación, Formación, Emprego, Axenda Urbana e Fondos Europeos, Iván Andrade, e pola técnica responsable da aula, Milagros Antelo.
As Aulas CeMIT de Carballo e Fisterra, entre as máis destacadas do país

Boas novas para as aulas tecnolóxicas da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia da comarca. As aulas de Carballo e Fisterra recibiron sendos recoñecementos por parte da Comisión de Seguimento Extraordinaria do Convenio de Colaboración entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Federación de Municipios e Provincias (FEGAMP) para a xestión do Plan de reforma e ampliación da rede de aulas CeMIT cara a plena capacitación dixital da sociedade galega 2022-2025.

En concreto, a Aula Cemit Fisterra volve converterse en 𝗮𝘂𝗹𝗮 𝗱𝗲 𝗿𝗲𝗳𝗲𝗿𝗲𝗻𝗰𝗶𝗮, un 𝒓𝒆𝒄𝒐ñ𝒆𝒄𝒆𝒎𝒆𝒏𝒕𝒐 que outorga a Xunta  ao superar os índices requeridos en canto a 𝗮𝗰𝘁𝗶𝘃𝗶𝗱𝗮𝗱𝗲𝘀 organizadas na aula, asistencia e 𝗮𝘁𝗲𝗻𝗰𝗶ó𝗻 a persoas usuarias. Chave é, para ser xa toda unha referencia a nivel autonómico, a figura dunha persoa encargada en exclusiva para a dinamización do centro, como é no caso fisterrán, a benquerida Alicia López, que leva case 15 anos á fronte.

Aula CEMIT de Fisterra
Imaxe dun curso Aula CEMIT de Fisterra

Pola súa parte, a aula CeMIT de Carballo foi proposta como candidata a aula de referencia do 2026 en Galicia. A aula CeMIT é “un espazo clave de innovación, formación e cohesión social”, destacou Daniel Pérez. Iván Andrade, pola súa banda, explicou que, ademais do recoñecemento que supón, o nomeamento como aula de referencia do ano 2026 supón “un impulso á inclusión dixital, xa que como aula de referencia podería reforzar o seu papel na loita contra a fenda dixital, chegando a máis persoas maiores, desempregadas, mocidade ou colectivos con especiais dificultades de acceso ás tecnoloxías”, ao tempo que facilita a incorporación de “novos recursos, metodoloxías e proxectos piloto, situando Carballo á vangarda da formación tecnolóxica municipal en Galicia”.

Milagros Antelo engadiu como aspecto destacable o impacto directo que pode ter no desenvolvemento local, xa que unha aula de referencia “contribúe á mellora da empregabilidade, ao emprendemento dixital e á capacitación da cidadanía, factores clave para o desenvolvemento económico e social do municipio”.

 

Comentarios