mércores. 30.04.2025
El tiempo

O Recreo, un refuxio de xogos e risas para a cativada con diversidade de Carballo

Recreo de Carballo e Un Paso Mais
O Recreo, un refuxio de xogos e risas para a cativada con diversidade de Carballo

Cando se fan as cousas dende a honestidade, o tecido social e empresarial adoita sumarse ás boas causas. É o caso da Agrupación Un Paso Máis, e O Recreo Animación. A Asociación carballesa non pode deixar de agradecer o compromiso de Ángeles e a familia de O Recreo por axudar a conciliar estas datas non lectivas do Entroido. Outra vez máis, a empresa, sen pedir nada a cambio, deixou o seu local para que os nenos e as familias de Un Paso Máis puidesen gozar destas vacacións de Entroido nun espazo pensado para eles, un refuxio de xogos e risas cada mañá.  

A ledicia das crianzas, e das familias de ver así de felices aos seus fillos, era a mellor proba de que aquel local, durante uns días, converteuse nun pequeno paraíso. "Porque os nenos non precisan grandes cousas, só un espazo onde dar renda solta á súa imaxinación e atoparse con outros coma eles, sen présas, sen obrigas, simplemente sendo nenos", explican dende Un Paso máis.  

As familias agradecen a colaboración da empresa por ese "xigantesco agasallo", porque ademais tamén puideroon parar un pouco, falar entre elas e sentir que non están soas, que hai xente que as acompaña. "Que fermoso é cando se lembra que os coidadores tamén necesitan ser coidados", recoñecen as familias.  

"Así que, unha vez máis, só podemos dicir grazas. Grazas, Ángeles de O Recreo Animación, por facer que un pequeno xesto se transforme nun xigantesco agasallo. Por axudar a que as familias de Un Paso Máis teñan un lugar onde crecer xuntas. E por demostrarnos que, ás veces, a solidariedade é tan natural como o xogo dun neno".

Máis novas

Comentarios