![cipres-milagrosa-carballo]()
O ciprés atópase nun defiente estado e corre o risco de que caia
Debido ao deficiente estado no que se atopa e ao risco que iso supón, o concello de Carballo colaborará coa parroquia de San Xoán Bautista na retirada dunha árbore situada no adro da capela da Milagrosa.
O perigo detectouse a raíz dos labores de inventariado e estudo do arborado que está a levar a cabo o concello de Carballo coa finalidade de establecer as medidas de xestión e protección necesarias e de evitar riscos innecesarios para a cidadanía. O informe técnico correspondente a esta árbore,
un exemplar de ciprés - Cupressus - de gran tamaño, conclúe que a árbore “presenta un estado sanitario deficiente, apréciase unha ampla porcentaxe de copa seca, incluída a zona apical, pólas rotas colgando ou esgazadas a piques de desprenderse e fendas no tronco principal”. Como primeira medida recoméndase impedir o paso de persoas á zona, polo que se colocará un valado perimetral. Así mesmo, o informe técnico propón a extracción do exemplar e a súa substitución “por outro de maior idoneidade”, e engade que no caso de que a retirada non sexa inmediata será preciso quitar as pólas secas “que puideran causar dano” e realizar unha poda de saneamento.
O concello de Carballo deu traslado do informe á parroquia, por ser a titular do espazo no que se sitúa a árbore, e por parte do cura solicitouse a colaboración municipal para levar a cabo a retirada da árbore. A concellería de Obras e Servizos encargarase da tarefa, así como do valado inmediato da zona.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Concello de Carballo