Seguimento total no inicio da segunda xeira de folga no servizo de recollida de lixo de Carballo
- As posicións, na mesa de negociación, están “máis afastadas que nunca”, lamenta o sindicato CIG.
- O persoal demanda "un incremento salarial que lles permita ter un salario digno"
Nova folga do servizo de recollida de lixo de Carballo. Trala primeira serie desenvolta no mes de xullo, non parece que mellore a negociación entre a UTE integrada por Urbaser e Servizos Gallegos de Lacería e os sindicatos. Esta nova quenda vai desde as 22:30 horas deste domingo, día 11 de agosto, ás 15:00 horas do 22 de agosto e de non se producir avances substancias a partir do 8 de setembro será indefinida.
É a CIG a que informa do seguemento total da primeira xornada de folga desta segunda xeira, e o que agarda que a empresa “mova ficha” e mellore a oferta que puxo sobre a mesa a semana pasada. Unha proposta que provocou que as posicións das partes estean hoxe “máis afastadas que nunca”.
Segundo explica o secretario da Unión Local da CIG de Carballo, Martín Caamaño, na quenda de noite ningún traballador/a acudiu ao seu posto e esta mañá unicamente saíron os que están obrigados polos servizos mínimos.
O persoal está “decepcionado” polo resultado das dúas reunións celebradas a semana pasada nas que, lonxe de achegar a súa proposta ás demandas da parte social, a empresa anunciou a súa intención de “absorber a unha parte do persoal -atinxiría a uns cinco traballadores e traballadoras- un plus ad personam que “non é absorbible, nin compensable”, afirma Caamaño.
O secretario da Unión Local da CIG de Carballo lembra que existe xurisprudencia respecto desta cuestións e que son complementos persoais que o propio convenio en vigor blinda establecendo que “non poderá ser nin absorbible nin compensable”.
Caamaño afirma, ante isto, que a empresa “ten que respectar esa cláusula do convenio” e lamenta que, por mor desta proposta, “agora mesmo estamos moi lonxe de chegar a un acordo”.
Por iso agardan que a empresa mova ficha e faga unha nova proposta que contemple, para empezar, o mantemento dese complemento, incluíndo aspectos que permitan un achegamento ás pretensións do cadro de persoal. Do contrario, advirte, “non vai a haber máis que rematar continuar coa folga tal e como estaba prevista”.
Superar o SMI
O persoal demanda "un incremento salarial que lles permita ter un salario digno". Para iso reclama a inclusión dunha cláusula que garanta que, durante toda a duración do convenio, os salarios de calquera traballador/a estean, como mínimo, por enriba do SMI. “Agora mesmo todos están no SMI, traballen en quenda de noite ou de mañá, sexan condutores ou peóns”, explica Caamaño. “O SMI comeuse a táboa salarial que tiña o anterior convenio”.
De aí que consideren “inviable” a proposta da empresa que tan só ofrece un incremento do 2% para 2024, pero sen atrasos e a partir da sinatura do convenio, que ademais pretende que teñan unha vixencia de 4 anos e o persoal demanda que non vaia máis alá de 3.
Complemento por IT
Xunto a isto reclaman un complemento por IT que agora non teñen nin por continxencias profesionais, nin por continxencias comúns. A este respecto o secretario da Unión Local da CIG de Carballo sinala que na última proposta a empresa fixo un achegamento, pero “segue sendo unha oferta insuficiente”.