luns. 22.06.2026
El tiempo

A semana grande do San Xoán arrinca co pregón de Verónica Bolón e a música de Son Boleros

GRUPO LIDIA
FACULTADE DE INFORMATICA DA UDC
Verónica Bolón
A semana grande do San Xoán arrinca co pregón de Verónica Bolón e a música de Son Boleros

O luns 22 de xuño, ás 21:00h na Praza do Concello, comezan oficialmente as festas de San Xoán co disparo das bombas de palenque, os primeiros pasarrúas e actuacións musicais e, por suposto, co pregón, que este ano corre a cargo da enxeñeira informática, investigadora e profesora da UDC (Universidade da Coruña) Verónica Bolón Canedo. Esta carballesa centra a súa actividade investigadora no desenvolvemento de novos métodos de Intelixencia Artificial (IA) que sexan máis éticos, sostibles e respectuosos co medio ambiente, especialmente a través da aprendizaxe automática e dos chamados “algoritmos verdes”. Neste ámbito, dirixe a Cátedra UDC-Inditex de IA en Algoritmos Verdes.

Ademais, está profundamente comprometida co fomento das vocacións científico-tecnolóxicas entre as nenas. É académica de número da Academia Joven de España e académica correspondente da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais. Froito deste incrible labor, ten recibido galardóns de máximo prestixio como o Premio Dona TIC Revelación da Generalitat de Cataluña, o Premio Ada Byron do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia, a Medalla a Jóvenes Investigadores da Real Academia de Ciencias, o Premio Nacional de Investigación ou o premio da Real Academia Galega de Ciencias e da Universidade Intercontinental da Empresa para investigadores novos, que recibiu esta mesma semana.

Para Bolón, a ciencia e a investigación son a ferramenta para “satisfacer unha curiosidade innata” e, sobre todo, “a única forma de conseguir avances significativos que melloran a vida das persoas”. Ademais, é unha colaboradora habitual e fundamental do Concello de Carballo en todo tipo de proxectos orientados á divulgación científica e á democratización do coñecemento, e sempre amosa un compromiso incondicional coa súa vila natal. 

 

Pero antes, o día arrinca co disparo das bombas de palenque que anuncian o comezo das festas ás 12.00 horas, e con pasarrúas a cargo do Grupo de Gaitas da AC Nemeth. Pola tarde, antes do pregón, será a quenda para o concerto do cuarteto de música latina Son Boleros, tamén na Praza do Concello a partir das 20.30 horas.

Actividades infantís

desastronauts
desastronauts

O San Xoán sempre deixa espazo para o público familiar e este ano o programa infantil comeza con circo, trapecio, acrobacias con teas e moita diversión coa compañía Desastronauts, que presenta o espectáculo Circo expreso 2. Durante a representación, dous eminentes artistas de circo esfórzanse por demostrar quen é o mellor. 
Raquel Veganzones e Girisho Gordon, ambos titulados na escola The Circus Space de Londres, formaron a compañía Circo Expreso en 2004, cambiando o seu nome a Desastronauts en 2009. A súa extensa carreira ten levado as súas impresionantes acrobacias por todo o mundo.

A cita é o xoves 25 de xuño no Parque do Anllóns a partir das 18.30 horas e está organizada pola Concellaría de Cultura. A entrada é de balde.

Os Biosbardos e Brais das Hortas

Dentro das actividades previstas para a cativada, o venres 26 o San Xoán tamén oferta dúas propostas para os máis pequenos e pequenas. Pola mañá con Brais das Hortas na Praza do Concello a partir das 11.30 horas. Músico, clown e narrador, Brais das Hortas leva 25 anos nos escenarios. Toca en proxectos coma Blues do País ou Sacha na Horta. Como clown, traballa con Peter Punk Pallaso en dous espectáculos: Concerto PunkInfantil e Peter Punk e o Neno Imperdible, ademais de facer espectáculos en solitario. Como narrador forma parte da Tropa de Trapo, con Marta Ortiz.

Pola tarde, é a quenda de Os Biosbardos con Xogos do mundo, tamén na Praza do Concello a partir das 17.00 horas. Esta actividade de lecer consiste nun circuíto de xogos tradicionais e populares procedentes de diferentes culturas. Estes xogos adoitan incluír probas de habilidade, puntería, equilibrio e enxeño, sendo ideal para que nenos, nenas e adultos xoguen e aprendan xuntos.

As dúas citas, de acceso libre e gratuíto, están organizadas polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo. A participación é libre e de balde.

Comentarios