Tucho expón o seu lado máis íntimo no Garabato

O próximo domingo 23 de marzo ás 12:00h, o Estudo Garabato en Carballo (rúa Santa María nº3) estrea nova exposición. Desta volta é o carballés Tucho o que trae “Catro Cousas”, o traballo máis íntimo e persoal, á galería de Mon Lendoiro. Durante o vermú inaugural haberá unha actuación musical a cargo de Rocío Bello.
Tucho
Tucho Caamaño (Santiago de Compostela, 1998) é un artista plástico de Carballo cuxa obra afonda na tradición galega e na introspección persoal. Graduado en Belas Artes na Universidade de Salamanca (2020), desenvolveu unha traxectoria artística centrada na dimensión emocional da cor e na súa propia experiencia vital.
A súa obra foi exposta en diversos espazos expositivos, destacando “Entrecores” en Espiral Maior Foro (2023). Ademais, foi un dos creadores do documental “Povo de Barro” (2023), centrado na olería de Buño, e é membro fundador da Asociación Cultural Cascabullo (2024), entidade que busca tecer rede entre a arte e a veciñanza carballesa.
”Catro Cousas”
A exposición é unha exploración da complexidade do amor e da perda. É unha viaxe emocional que percorre o camiño inevitable dunha ruptura amorosa: dende o amor como forza inicial, pasando pola dor do proceso, ata chegar á integración como destino final. Deste xeito, convídase ao espectador a unha introspección sobre a beleza efémera e fráxil da vida, do amor e da arte.
“Amar e non ser amado, querer e non ser querido” é o verso central da canción de Caamaño&Ameixeiras con Rodrigo Cuevas, obra musical que dá nome á exposición. Esta canción inspirou ao pintor a empregar a pintura coma unha ferramenta sanadora no seu proceso de duelo amoroso, rompendo con esa mirada nostálxica ao pasado. A arte é, tamén, un xeito de soltar, como canta Antía Ameixeiras: “cantando tomei amores, cantando os olvidarei”.