Un ano para desenvolver a segunda fase da urbanización da carballesa Avenida das Flores


O pasado mes de agosto remataba a primeira fase da renovación das Avenida das Flores, en Carballo. A Deputación porá en breve en marcha a segunda fase do proxecto de urbanización da estrada DP 1901, de Carballo a Sísamo, aprobada xa en comisión e que se se ratificará no pleno da corporación provincial que terá lugar o vindeiro venres, 22 de decembro.
O tramo no que se actuará comeza na intersección coa rúa Papoulas e remata no cruce coa rúa Nacente, nas inmediacións do Instituto Monteneme, discorrendo enteiramente polo centro urbano de Carballo. A estrada dotarase dunha plataforma única e renovaranse as beirarrúas, co obxectivo de eliminar as barreiras arquitectónicas e favorecer a accesibilidade.
Complementariamente, executarase unha rede de saneamento, que disporá dun sistema separativo de recollida de augas pluviais e fecais, e se renovará a rede xeral de abastecemento de auga, que na actualidade presenta avarías debido á fluctuación das presións. Así mesmo, aproveitaranse as obras para construír novas canalizacións a ambas marxes da estrada para o cableado de telefonía, telecomunicacións e electricidade.
O proxecto prevé un prazo de 12 meses para a execución da obra completa.
Novas relacionadas
- Setembro 17: O Barrio das Flores de Carballo renova a súa imaxe.
- Agosto 17: A avenida das Flores de Carballo renova a súa imaxe.
Fonte
- Deputación.