Venres. 19.04.2024
El tiempo

Xa hai data para o xuízo do edificio do Casino: “Contamos coa baza social para vencer á especulación”

Edificio do Casino 1889 de Carballo
Edificio do Casino 1889 de Carballo
Xa hai data para o xuízo do edificio do Casino: “Contamos coa baza social para vencer á especulación”

O próximo día 4 de maio ás 9:30 da mañá celebrarase o xuízo pola demanda interposta pola titularidade do edificio do Casino. Despois de meses de espera, por mor das probas periciais que tiña solicitado a parte demandante, por fin hai data para o xuízo. Un xuízo que será de caracter público, polo dende a activa Asociación cultural fan un chamamento a todas as persoas comprometidas coa cultura que ese día se acheguen ao xulgado para mostraren publicamente a unión de todo o pobo.

Falamos dun edificio feito en 1924, para a  "Sociedade Cultural e Recreativa Bergantiños", nome da entidade orixinal que xa levaba en funcionamento dende 1889. A mediados da pasada década, e xa coa entidade en claro declive polo envecellemento dos seus socios, e ante a especulación inmobiliaria que asolaga o centro carballés, os antigos propietarios vendían en 2005 á unha empresa chamada Horta do Casino S.L. o edificio por por 70.000€, e por 25.000€ o parking.

A empresa contaba con que a Asociación Cultural Recreativa Bergantiños esmorecería antes ou despois, para levar a cabo a súa promoción inmobiliaria. O que non contaba era con este grupo de rapaces e rapazas que viñeron revolucionar o panorama cultural carballés (cambiándolle o nome público polo de Casino 1889), abrindo as portas un edificio historicamente elitista a todo o mundo, e convertíndoo nun dos meirandes fervedoiros culturais de toda a Costa da Morte.

O caso é que esa venda oficial non se lle notificou ata anos máis tarde á rexuvenecida directiva da SCR Bergantiños, e xusto aí é onde nace a posibilidade de manter vivo este espazo cultural das garras da especulación.

Falamos con Marina Gómez, membro da directiva, e ademais de responsable da programación cultural, leva facendo un máster en dereito urbanístico nestes dous anos de singradura xudicial.

 Directivas do Casino 1889 na Audiencia Previa
Directivas do Casino 1889 á saída da Audiencia Previa do xuízo o pasado mes de setembro
  • QPC: Cando entrastes hai agora 2 anos, a recuperar este espazo cultural, erades coñecedores da problemática especulativa que tiña consigo o edificio? ou cando vos enteirastes?

Non, non tiñamos nin idea. Formalmente enteirámonos cando chegou un aviso en agosto de 2018. Era unha carta pola cal os supostos novos propietarios nos informaban que ía haber un cambio do número de conta. E adxuntaban, como se non quere a cousa, as novas escrituras de compra-venda de edificio… de 2005.

Aí dicimos, ostrís, como a nós non nos informaron antes de vender, polo que presentamos a demanda de retracto, xa que pola Lei de Arrendamentos Urbanos, hai unha cláusula, que se o propietario pon á venda un piso o primeiro en sabelo debería ser o inquilino, para que poida ter opción de comprala durante un mes segundo as condicións que poña o propietario. Xusto a carta (a súa intención era que non nos decatásemos de que estaban as escrituras e pasara o mes) chegou no mes de agosto, cos xulgados paralizados, e como vimos que o tema era complexo, pedimos asesoramento ao avogado Carlos Abal. Xusto vencía o prazo o 2 de setembro e presentamos a demanda de retracto o día 1, na que pedimos que que se anulase esa venda.

Pero para facelo había que consignar a cantidade estipulada. É dicir, que tiñamos que conseguir os cartos nesas semanas para poñer no Xulgado para cando caera o xuízo. Aí foi a maniobra para xuntar os cartos.

 

Empezamos mal, con poucas ilusións, a xente caíase… Entón pensamos en facelo público, e pedir préstamos e doazóns públicos. Empregamos outra semana na preparación, así que apenas quedaba tempo. A primeira asemblea empezouse a doar, e conseguimos xuntar 20epicomil euros. E no último chamamento, case sen tempo si que conseguimos os 70.000@. Foi tremendo. 

  • QPC: Que cantidades se doaron?

As doazóns houbo de todo, dende 10-20, a 500 e mesmo máis. Os préstamos, houbo algúns de 100-500, e houbo préstamos de ata 3.000€ dalgúns socios, con contratos validados coa Xunta.

Imaxe da a histórica asemblea de onte no Casino
Imaxe da a histórica asemblea o pasado mes de setembro de 2018 no Casino 
  • QPC: Atopámonos nun marco de “Especulación vs Cultura”. Que hai en xogo no xuízo?

A idea é que o edificio quede para a sociedade. Por iso aínda non sabemos que figura poñerlle, porque se a Asociación por algún motivo, morre, queremos que o edificio fique de dominio público.

Cremos que a sociedade ten que tirar pola cultura, e pola transparencia, e polas cousas ben feitas.

A nivel xuridico, este xuízo é unha acumulación de procedementos. Porque xusto o mesmo día que nós presentamos a demanda de retracto, a empresa puxo unha demanda contra nós, pedindo a resolución do contrato, e nos puxo ademais outra contrademanda dicindo cousas como que tiñamos subarrendado irregularmente o bar, que facíamos actividades para non socios, que fixeramos obras sen o seu consentemento (si que as facíamos de mantemento, como sinala o contrato)…

 
  • QPC: Cales son as vosas expectactivas de cara ao xuízo?

Dende o principio pensamos que temos a razón, outra cousa é que nola dean. Temos na nosa documentos que nos respaldan, e cremos que está moi claro, pero a decisión será do xulgado.

Esperamos que haia moita xente no xuízo, que é público. Esperamos que a xente volva responder, como xa fixo en varias ocasións, porque o apoio social é a nosa baza.

 
  • QPC: Polo de pronto, como nos teñen compartido algún membro da directiva, a sensación é que querríades seguir mantendo vivo este espazo despois de convertilo nun verdadeiro fervedoiro cultural, pero… “que nos quiten lo bailao”, non?

A Asociación estaba en números vermellos, non tiñamos apoio case ningún. E ver como se volcou o pueblo coa causa, foi o máis bonito que vivimos aí. Todas as actividades que fixemos, dándolle vida a un sitio mítico, cambiándolle ademais a etiqueta de clasista e abrilo para todo o mundo… Todo o traballo que fixemos demostra que si que se poden facer cousas culturais.

Temos ademais un feedbak sempre moi positivo, polo que temos gañas de seguir facendo cousas. Se non é aí, ao mellor temos que continuar noutro sitio. Pero hai que loitar para que esta especulación non quede impune. Porque como sucede aquí pode pasar en calquera lugar.

 

Novas relacionadas

Comentarios