Sábado. 27.04.2024
El tiempo

CASINO1889

O Casino 1889 quere recuperar o seu mítico bar e afía armas para o xuízo pola propiedade

Asistentes a Asemblea do Casino
Asistentes á Asemblea do Casino
O Casino 1889 quere recuperar o seu mítico bar e afía armas para o xuízo pola propiedade

Esta pasada fin de semana celebouse unha importante asemblea do Casino 1889 de Carballo. Unha cita que contou con algo menos de xente da esperada pola Directiva, pois era a primeira deste 2019, e na que ían tratar temas tremendamente importantes. Ademais dos temas máis profanos, como as contas, a presencia do avogado Carlos Abal serviu para analizar temas complexos como a demanda de retracto ou a apertura do mítico bar.

Ademais, a entidade resérvase varias bombas informativas para as vindeiras semanas para ir quecendo o ambiente de cara ao vindeiro 8 de abril, cando dará comezo procedemento xudicial, coa audiencia previa da demanda do Casino sobre a propiedade do edificio, como repasamos máis abaixo.

Contas “solventes” e obras no Ambigú

Sobre o estado das contas, Marina Gómez Blanco amósase “satisfeita” unha vez que “nos puxemos ao día, e a día de hoxe xa é unha entidade solvente, pois as cotas de socios nos dá para afrontar os gastos habituais”.

Ademais, informaron do estado das obras, as máis urxentes, as do ambígú da planta de arriba, onde había unhas importantes pingueiras. Xa fixeron boa parte das obras pero aínda quedan outras pendentes, e esperan ter listo este espazo duns 70 metros, perfecto para pequenas actividades, en primavera.

Reapertura do barApertura do Bar do Casino Carballo

A semana pasada, a entidade recuperaba o acceso ao mítico bar do Casino. Actualmente leva case dous anos pechado, unha vez que o responsable da concesión leva o mesmo tempo sen aparecer. O caso está en xuízo, pois a entidade demandou ao inquilino por impago e abandono da concesión, e por iso, procederon á abrir as portas, en presencia do notario para levantar acta do seu estado, e intentar recuperar un dos bares máis míticos da vila.

A idea é facer unha pequena reforma, e abrir un novo concurso para que as portas do Bar do Casino poidan volver abrirse todos os días.

Dúas demandas enfrontadas pola propiedade do edificio

O asunto principal no que se atopa metido o Casino 1889 e a demanda de retracto, pola cal o Casino 1889 quere facerse coa propiedade do edificio baixo as mesmas condicións polas que foi adquirido en 2005. Para iso están os 70.000€ que xuntaron da man de centos de salvadores micro-créditos consignados do xulgado para poder levar a cabo a demanda, e poder así evitar o pelotazo urbanístico, vendendo o solar e o aparcadoiro e acabando con máis de 100 anos de actividade cultural, como tiña pensado realizar a actual propietaria da espazo o grupo inmobiliario A Horta do Casino S.L..

Agora mesmo hai dúas demandas contrapostas pola propiedade do edificio. Casino 1889, a actual directiva da asociación que ten alugado o local, considera que ten dereito a adquirir a propiedade.

A Horta do Casino presentou outra demanda xudicial contra o Casino 1889, na que piden a resolución do contrato de aluguer, en base a varias razóns: a vixencia sería só 15 anos; téñense realizar obras non autorizadas. 

Ante esta demanda, o propio Casino 1889 ten varios argumentos: as obras que se fixeron son perfectamente legais por non afectan á estrutura; a propia Horta do Casino recoñece a validez do contrato de aluguer unha vez que en agosto de 2018 enviou un burofax sinalando o novo número conta onde o Casino1889 ten que aboar o pago do aluguer a partir de outubro do mesmo ano.

Prazos

Chegan tempos convulsos en materia xudicial. A Audiencia previa da demanda presentada polo Casino 1889 está xa fixada para o 8 de abril, pero antes debería responder se hai acumulación de pleitos ou non. Se non tamén haberá audiciencia previa para a demanda da Horta do Casino.

”Cremos que o xuízo pode ser antes do verán, e que antes de final de ano podería caer a primeira instancia. De aí pasaría á Aduiencia Provincial, onde podería tardar un ano, así que antes de que finalice 2020 cremos que podería estar solucionado en segunda instancia”, explica Gómez Blanco.

Comentarios