A ESMU de Carnota nunca falla


Esta xente non falla nunca. Evento que arma, cheo ao canto. Onte mércores, de novo co salón de actos do Concello de Carnota ateigado de xente, daba comezo o festival de Nadal da Escola Municipal de Música.
E iso que levan un inicio de curso algo movido. O equipo de mestres cóntannos que este trimestre foi un pouco raro e moi rápido, xa que contan cunha mestra nova de Iniciación Musical, e que tivo que ter o seu período de adaptación, pero que a estas alturas tanto Pilar (que así se chama) coma os rapaces/as xa están totalmente en conexión. Tamén nos din que o mes de outubro foi moi convulso, xa que Alianza (a directora) estivo de baixa, e os alumnos de piano estaban un pouco sesgados cos outros mestres, pero que chegado novembro xa todo voltou á normalidade. Polo tanto, dous meses de normalidade que tampouco dan para preparar todo ao “dedillo” como a eles lles gusta facer.
Pero o Festival sempre serve para unificar Carnota. Foi un festival moi bonito, cóntannos, de solistas, onde se viron desfilar a músicos de moitas especialidades distintas, con varios estilos e de moi diversas idades.
Empezou o programa, presentado por dous alumnos/as de 6º de Linguaxe Musical, Fran e Lucía, unha nena pianista cunha coñecida panxoliña, e a partires de aí, pasarela de instrumentistas (guitarras, saxofóns, clarinetes, acordeóns, gaitas, etc) e de actuacións grupais coma os Combos de música moderna, a Coral Polifónica da Escola, as Pandereteiras da Solaina, o Coro Infantil ou a Orquestra Orff.
Unha festa da música e desta gran familia que conforma a Escola Municipal de Música de Carnota.
Aquí vos deixamos cun anaco da canción do Caneco, con Moncho Domínguez e os alumnos de Gaita, Fran, Lucía e Uxía.
E aquí, a actuación da Coral Polifónica da Esmu de Carnota:
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).