A fin de semana deixa unha muller falecida e varios feridos nas praias de Muros e Carnota


Días salpicados polas traxedias nas praias do sur da bisbarra. Carnota e Muros viviron momentos de gran tensión, que remataron con varios feridos e unha muller morta.
Acontecía na tarde do domingo, cando unha unha muller era arrastrada pola corrente na Praia de Area Maior, en Louro, Muros. Uns bañistas a viron flotando entre as ondas e chamaron aos servizos de emerxencias. Os socorristas acudiron cunha embarcación pneumática e Salvamento Marítimo enviou á zona a Salvamar Regulus, pero foi o mar quen devolveu a muller á beira. Os médicos intentaron reanimala, pero nada puideron facer por salvarlle a vida. O CAE 112 Galicia recibiu a alerta ás 15:20 horas de hoxe e, ademais dos efectivos de emerxencias, acudiu á zona o helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela, que regresou en canto os médicos confirmaron o falecemento da persoa.
Un sábado de estres en Carnota, e tamén en Muros
Non foi o único episodio tráxico da fin de semana, O helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela tivo que trasladar na tarde do sábado a un mozo con síntomas de afogamento. O rapaz se bañaba con outros sete amigos na Praia de Carnota. Dous deles acadaron a beira polos seus propios medios, pero os outros seis necesitaron a axuda dos socorristas. Finalmente, só tres tiveron que ser trasladados: o rapaz con síntomas de afogamento chegou ao Hospital Clínico na aeronave e os outros dous, afectados por hipotermia, foron evacuados en ambulancia. Todo ocorreu uns minutos despois das 16:00 da tarde do sábado. Unha persoa se decatou de que os rapaces tiñan dificultades para voltar á beira e chamou ao 112 Galicia. A partir de aí, os profesionais do Centro de Atención ás Emerxencias de Galicia activaron un operativo no que, ademais dos socorristas, participou Salvamento Marítimo, o Servizo de Gardacostas de Galicia e os axentes da Policía Local de Carnota.
Algo máis dunha hora despois, en Muros, na Praia de Ancoradoiro, uns surfistas sacaron da auga a outro bañista que estaba a ser arrastrado pola corrente. Unha vez en terra, a persoa estaba consciente, pero pouco despois comezou a hiperventilar e os médicos de Urxencias Médicas pediron o seu traslado a Santiago en helicóptero. O servizo sanitario contou coa colaboración dos membros do GES de Muros, que acudiron á praia alertados polo persoal do 112 Galicia. O bañista foi restacado por uns surfistas, pero ata o lugar tamén se desprazaron os socorristas da zona e unha embarcación de Salvamento Marítimo.
Fonte
- AXEGA.