Xoves. 25.04.2024
El tiempo

A Xunta declara o Monte Pindo como a terceira localidade galega máis afectada polo lume na última década

A Xunta declara o Monte Pindo como a terceira localidade galega máis afectada polo lume na última década
A Asociación Monte Pindo informa de que a Consellería de Medio Rural vén de publicar datos das localidades con máis actividade incendiaria de Galicia durante a última década. No informe, o Monte Pindo lidera o funesto podio. Dende a Asociación, din que ésta é a primeira vez que a Xunta de Galicia recoñece oficialmente a situación extrema que vive esta zona consecuencia do seu abandono, e desmantela o argumento habitual de que este espazo está «suficientemente protexido» que esgrimen para negar calquera intervención ou investimento neste espazo natural que por lei lle corresponde xestionar.
A estadística, que identifica 79 parroquias galegas con alta actividade incendiaria (PAAI), recolle as hectáreas queimadas na parroquia do Pindo, situándose como terceira localidade galega máis afectada polo lume na última década, con máis de tres mil hectáreas arrasadas, só por detrás de Cerdedo e Manzaneda. É de destacar que outra parroquia colindante, a de Colúns no concello de Mazaricos, sitúase no 5º posto da mesma estadística con máis de dúas mil hectáreas ardidas polo que é de supoñer que parte deses lumes afectaron igualmente ao Monte Pindo. Dende a Asociación Monte Pindo dudan de se á hora de facilitar os datos a Xunta contabilizou as hectáreas do espazo natural pertencentes á parroquia de San Mamede de Carnota, ou se polo contrario as omitiu. Nese caso o espazo ardido aínda sería moi superior ao que o informe revela.
Declaración de Parque Natural
Segundo a Asociación Monte Pindo, os datos revelados por fontes oficiais da mesma administración que asegura estar facendo as cousas ben neste espazo confirman máis aínda o estado de abandono e esquecemento ao que a Xunta ten submetido o Monte Pindo e a veciñanza do seu entorno, e que preto de dúas centas entidades e ducias de científicos e investigadores veñen denunciando desde hai case 5 anos, esixindo nomeadamente que se remate con esta situación desesperada mediante a declaración do Parque Natural e a activación dos consecuentes plans de actuación que implica. Esta reivindicación demóstrase agora máis xusta e necesaria que nunca, pois a altísima incidencia do lume nesta zona non só ameaza vidas e propiedades, senón tamén unhas 150 especies protexidas por algunha figura legal, segundo o Catálogo de Especies do Monte Pindo, biodiversidade recoñecida pola Unión Europea outorgándolle o recoñecemento de ZEC no programa Rede Natura 2000. A Xunta non só non fixo absolutamente nada a consecuencia disto, senón que mesmo ignorou a denuncia de que se están producindo repoboacións de eucaliptos nas terras queimadas.

Comentarios