As entrevistas do GDR: César Cambeiro
Voltamos da man do Blog do GDR Costa da Morte a traer uinha interesante entrevista da man de Paula García Costa. Unha Paula que lamentablemente remata o seu contrato no GDR polo que a comunicación da entidade de seguro que sofre un parón.
Pero para marchar que mellor que nos deixe con esta interesantísima entrevista con César Cambeiro. Este polifacético home de Caldebarcos, compaxina a súa actividade como actor co coidado do patrimonio natural da zona de Carnota e recuperación da apicultura. Cambeiro participou en series como ‘Pratos combinados’, ‘Periodistas’, ‘Policías, en el corazón de la calle’, ‘El Comisario’ e ‘Libro de familia’, e nas películas ‘Os luns ao sol’, ‘Mar adentro’ e ‘Siete mesas de billar francés’.
Aquí vos deixamos coas primeiras preguntas da entrevista, que podedes ollar completa no blog do GDR Costa da Morte.
- Como lembra a súa infancia en Carnota?
Con cariño, con nostalxia. Unha etapa chea de cor. Creo que podo dicir que tiven unha infancia feliz. Traballaba na terra e no mar, pero todo con soltura e coa tranquilidade que che dá o non ter que facelo coa obriga de ter que ganar a vida. Todo era un xogo. Pero tamén había chatas: falta dunha visión aberta do mundo. Eran tempos de franquismo e notábanse as orelleiras que nos impedían ver máis aló. E sempre tiven a sensación de querer andar camiños que daquela se facían imposibles pola falta de información a todos os niveis que había naquel mundo pechado. Penso que iso me creou unha inseguridade e un medo ó descoñecido que tiven que ir vencendo.
- Na súa opinión, cales son os puntos fortes da Costa da Morte? E as principais eivas?
Os puntos fortes son, sen dúbida, os recursos naturais, a historia, as tradicións, o factor humano e, por suposto, o idioma; o galego da Costa da Morte mantén unha riqueza impagable que parece que non se quere ver, incluso se agocha. Debemos mostrar o noso galego sen complexos, tamén de cara ao turista, que é unha das cousas que lle gusta ver. O idioma non se pode converter nun souvenir, haino que manter vivo e á vista, que se escoite. O peor é a falta de xestión, a mala xestión e o desperdicio, ás veces desprecio, que se fai de todo iso. Hai moito minifundismo na cabeza dos políticos, e iso coarta a imaxinación. Creo que politicamente hai un conservadurismo excesivo e mírase moi pouco polo ben común e demasiado polo particular e polo partido. Se fósemos capaces de superar isto penso que seríamos capaces de superar calquera problema que a nosa condición xeográfica e histórica nos impón.
- Como xurdiu a iniciativa ‘Algo bule en Caldebarcos’?
Caldebarcos sempre foi un lugar de iniciativas, pero moitas non se viron consumadas, por iso non temos un porto máis acondicionado, unha fonte pública, etc. Como contrapartida, conservamos espazos virxes moi atractivos aos que debemos saber darlle valor e utilidade. Quero dicir con isto que vén de moi atrás ese “bule bule” que me preguntas, pero, concretamente, o último que estamos facendo en Caldebarcos parte de algo que xa tiñamos en marcha pero que lle demos unha importante reactivación a partir do ano 2005 cando o noso monte ardeu enteiro. Lembro que nos caeu a alma aos pés, pero decidimos converter a desgraza nunha oportunidade, e creo que fixemos un traballo moi importante. Despois vén o do corredor costeiro, e, xa metidos en fariña, como “peixe chama por peixe”, fomos pensando un pouco en todo. Somos conscientes de que Caldebarcos é un pouco invisible para os políticos, así que se nós non o facemos, non nolo vai facer ninguén. O único que pedimos é que non nos poñan pedras no camiño.
- Cursos de poda e de apicultura, recuperación de sendeiros polas faldas do Monte Pindo, recuperación dos muíños de Vadebois… Como naceron e se desenvolveron estes proxectos?
Eses concretamente, despois da gran queima do 2005. Pateamos moito o monte e visitámolo con xente que “vivía” nel todos os días. Fomos descubrindo o inmenso valor que tíñamos á porta da casa. Daquela atopamos no goberno bipartito da Xunta unha actitude favorable, e iso permitiunos pensar en proxectos e ir materializándoos. Foi unha bocanada de aire fresco.
- Cando e como soubo que quería ser actor?
Na adolescencia, con 15 ou 16 anos. A primeira vez que fun de Entruido en Caldebarcos. Aí foi a miña primeira experiencia en saírme da miña propia personalidade e meterme noutra. Despois vén o grupo de teatro do instituto e dende aí non pasou un ano na miña vida que non fixese algo de interpretación.
- Ata o de agora, tivo ocasión de facer cine, televisión e teatro. Cal é o medio que máis lle gusta? Por que?
O que máis me gusta é o que estou facendo en cada momento. Porque a interpretación ten que ser no momento. Cada interpretación é única e intransferible. A nivel artístico, os tres campos me resultan interesantes e nos tres hai moito que aprender.
César Cambeiro en Matalobos
Máis información
Entrevistas QPC
Máís novas
- Caldebarcos sabe a mel.
- A bitácora da semana (CXXII): O blog persoal de Paula García Costa.
- A bitácora da semana (CVII): O blog do GDR Costa da Morte.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).
- Entrevista realizada entre Ubaldo Cequeiro de QPC e Paula García Costa.