Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Carnota non esquece as raíces

Carnota non esquece as raíces

O III Festival de Música e Baile Tradicional, que organiza o Grupo Rebuleira coa ANPA do CEIP do Colexio de Carnota, respondeu ás espectativas de alto nivel e ás que ano tras ano nos vai afacendo esta xente preocupada para que as nosas raíces máis profundas sigan vivas, e nos sigan alimentando do mellor das nosas manifestacións culturais.

Alí acudiron grupos de toda a contorna: Fisterra, Corcubión, Buxantes, Muros, Louro, Esteiro, Santa Comba… Todos fixeron que o numeroso público asistente se vira comprometido a acompañalos cos seus “aghrús” e os seus aplausos. E “Os Rumorosos”, testemuñas de excepción que custodian o campo de Lombáns polos catro costados, víronse obrigados a secundar o público das bancadas con reverencias de admiración diante de tanto derroche de arte e sentimento.

Como dixo quen presentaba, que senónCésar Cambeiro, o Campo de Lombáns, en San Mamede, converteuse outro ano na “Eira de Antón Cachopa”, unha eira mítica onde se reunía a xunventude para o seu divertimento, e que se describe nunha copla recollida de Tía Oliva, e que di así:

Na Eira de Antón Cachopa
Nas noites de San Xoán
Xúntanse mozos e mozas
Para cantar e bailar
Alí estaba Rouque Troque
Tamén Alberto Mirás
Pepe Fendello Farruco
A muller do Taleirás
A que tocaba o pandeiro
Margarita do Currás
Uns cos seus calzóns de rizo
Outros de cotón están
Chalecos repenicados
Gorriños que xenio dan.

E é que xa o dicía o gran Arsenio: “Non todo vai ser fútbol”!

Novas relacionadas

Fonte

  • Información e fotos de César Cambeiro.

Comentarios