Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Explicacións económicas e criticas sociais aos 6 despidos de Carnota

Explicacións económicas e criticas sociais aos 6 despidos de Carnota
Escudo do Concello de Carnota

Esta semana coñecimos a nova dos 6 despidos polémicos no Concello de Carnota. Xa escoitamos as críticas de PP e PSOE, e hoxe escoitamos a posición da Afiprodel así como as explicacións do propio Concello.

O Concello éxcusase pola débeda

Falaba onte o alcalde Ramón Noceda para explicar a decisión dos 6 despidos. E argumentou principalmente que "a situación económico-financeira do Concello de Carnota é insostenible". Sinala que hai máis de 1,5 millóns de euros de remanente negativo e case que 2,5 de débeda municipal. "Isto é, a débeda financeira do Concello é superior ao 100% dos ingresos correntes", sinala.

Explicou o alcalde que "o Concello elaborou un plan de axuste, aprobado polo Pleno da Corporación na sesión do 13.06.2012", nos que a redución de gastos é parte intrínseca. Pero a situación no mellorou tras un ano de plan e "a capacidade económica do Concello ao longo de 2013 só permite afrontar os custos de persoal -que consumen unha porcentaxe considerable dos ingresos correntes da Corporación- e algún que outro gasto corrente".

Sen embargo, "o Concello continúa no presente exercicio sen poder pagarlles regularmente as facturas a moitos contratistas e provedores" que prestan ou interveñen en servizos públicos esenciais: a título de exemplo, e a 31 de xullo do 2013, á Mancomunidade de Concellos Serra de Barbanza, que xestiona a recollida e o tratamento de residuos, o Concello débelle 583.126,85 €; coas empresas Gas Natural Sur e Unión Fenosa Comercial, que xestionan o suministro eléctrico, a débeda ascende a 55.596,76 € e 20.522,81 € respectivamente; e coa empresa Espina y Delfín, que xestiona o suministro de auga e o saneamento, a débeda ascende a 123.686,00 €.

Así, lamenta que o Concello teña que tomar máis medidas de redución de gasto do persoal laboral (24), mediante a redución do número de empregados e o axuste puntual de retribucións de determinados traballadores. E se ben o Concello de Carnota conta na actualidade con 66 traballadores que significaron un gasto de 1.348.145,94 € no ano 2012, é dicir, máis do 50% dos ingresos netos correntes do exercicio, agora reducirá ese persoal laboral.

Así, aseguran que "dese conxunto de 24 empregados de persoal laboral considérase inevitable neste momento a extinción de seis (a cuarta parte) nos que, atendendo ao outro criterio citado máis arriba, se inclúen o monitor deportivo (o coñecido adestrador do Carnota Alfredo Cambeiro), dous traballadores da brigada municipal de operarios (Manuel Antonio Sedón Lestón e Juan Manuel Senande Lago), os dous axentes de desenvolvemento local (Dolores Pena Pena e Manuel González Castro) a traballadora informática (Ana Saborido Trillo), por entender que non están adscritos a servizos esenciais do Concello ou, en calquera caso, que as súas tarefas poden ser fácilmente cubertas por outros traballadores do cadro de persoal ou por outros medios que non sexan tan onerosos para a Corporación".

Afiprodel rexeita a desaparición da Axencia de Desenvolvemento Local

A que tamén sae á palestra para denunciar a situación é a Xunta Directiva de Afiprodel– Galicia (Asociación Finisterrae de Profesionais do desenvolvemento local), que comunica "a súa sorpresa e estupor ante a noticia aparecida nos medios de comunicación sobre os despidos de 6 traballadores do Concello de Carnota entre os que se atopan os dous técnicos de Emprego e desenvolvemento local, ambos os dous, membros fundadores e directivos desta asociación".

Afiprodel mostra "o seu malestar e desconformidade coa destrución de servizos públicos municipais en xeral, e especialmente nos concellos rurais e aínda máis cando afectan a un dos servizos de desenvolvemento local máis antigos de Galicia e da Costa da Morte".
E asegura que a "axencia de desenvolvemento local de Carnota é un dos servizos pioneiros en Galicia e na Costa da Morte, conta cunha ampla e exitosa experiencia en proxectos e accións de promoción empresarial e económica, en asesoramento a emprendedores, tecido empresarial e asociativo, en formación ocupacional para desempregados e activos, colaboracións interadministrativas, na participación en proxectos europeos, amén da realización de actuacións de desenvolvemento de recursos endóxenos e sectores estratéxicos do concello ou de liderar exitosamente a cooperación entre sector privado e público no deseño e execución de proxectos estratéxicos".

Consideran "sorprendente" a decisión "cando este Concello asinou o manifesto en apoio aos servizos de desenvolvemento local que se presentou en Fisterra o ano pasado". E apuntan que "antes de tomar decisións deste calado débese necesariamente buscar alternativas e consensos que afecten o menos posible aos servizos á cidadanía e ao colectivo de traballadores e traballadoras locais que teñen desempeñado a súas función de xeito exemplar".

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios