Martes. 15.10.2019
El tiempo

Ézaro, unha viaxe polas covas dos agochados no Monte Pindo (Parte 1)

Ézaro, unha viaxe polas covas dos agochados no Monte Pindo (Parte 1)

En marcha o proxecto "Furneando no Monte Pindo". Xa vos contabamos a historia da nova serie de vídeos que traeremos nas vindeiras semanas. Contaremos a historia dos fuxidos do franquismo polo Monte Pindo, os "escapados" da Costa da Morte. Comezaremos polas covas do Ézaro, e intentando continuar por outras vilas das faldas do Olimpo Céltico.

Intentaremos falar con protagonistas, varios dos poucos maiores que quedan vivos daqueles tempos e que supoñen as únicas fontes primarias ás que acodir.
Precisamente ese foi un dos motivos para que os Ovidio Castro e Mario Rodríguez, veciños da vila dumbriesa e colaboradores de QPC, xunto con Marcos Rodríguez, se puxeran mans á obra para recuperar a historia das furnas do Monte Pindo no lugar do Ézaro. O Casimiro de Pito, a Cubela, o Mestre do Fieiro, a Palmira... convertiranse en protagonistas para contarnos de primeira man aquelas historias do monte arriba, nunha comarca onde "todo o mundo tiña o seu tío agochado no monte".
Intentaremos contactar tamén con outras fontes, como Luís Lamela, que xa ten publicado libros sobre os escapados no Pindo, ou outros historiadores da zona.

O que podemos ir amosándovos son as primeiras imaxes que o equipo de grabación de Marcos Rodríguez Fotografía, o propio Marcos e Gustavo Zuín, teñen realizado na primeira excursión ás covas do Ézaro. Estas que podemos ver están a poucos metros do nivel do mar na ensenada do Ézaro, e se ben nestas non atoparon restos de vida humana (falan de varios candís colgando no alto dalgunha das covas ou restos de cinza das fogueiras...) a cova dá conta da forza da historia, pois o acceso é complicadísimo e apenas se pode observar dende fóra o espazo que os enormes pelouros deixaron no interior da mole granítica.

O vídeo ademais ten ademais unha música inmellorable: o tema "Monte Pindo" de Luar na Lubre, que veñen de amosar o seu compromiso coa catalogación de Monte Pindo como Parque Natural no seu último concerto, e que se amosaron encantados de compartir a súa música para ilustrar este vídeo cargado de emotividade.

Aló subiron, na gamela de César Rodríguez, os Marcos Rodríguez e Gustavo Zuín, Ovidio Castro e máis o propio César, coa incomparable compañía de Bimba e Nara. Aí quedamos co primeiro resultado, e continuamos aportando argumentos para considerar o Monte Pindo coma un Parque Natural:

FURNEANDO NO MONTE PINDO from Marcos Rodríguez FOTOGRAFÍA on Vimeo.

Novas relacionadas

Máis novas

Máis novas

Fonte

Comentarios