O Parlamento Galego pide por unanimidade o indulto de Manuel de Talelo

Despois de que todos os partidos políticos ratificasen o seu apoio, este martes 30 de abril, a Xunta de Portavoces do Parlamento Galego debatiu a petición de indulto de Manuel A. Martínez Lustres, veciño de Lira condeado á cadea a consecuencia dun enfrontamento, en 2013, con furtivos que faneaban ilegalmente na Reserva Mariña de Lira. Ao debate está convidada unha representación da familia e as amizades do veciño carnotán.
O ingreso de Manuel na cadea é inminente e a conta atrás esgótase, e por iso o BNG, presentou no Concello de Carnota unha iniciativa pedindo o indulto que resultou aprobada por unanimidade (BNG, PP e PSOE), e que logo tamén foi respaldada por milleiros de sinaturas e pola maioría do tecido social do municipio.
A resposta foi unánime. O Parlamento Galego posicionouse ao completo a favor do indulto a Manuel A. Martínez Lustres, tras un debate no que quedou claro que todas as forzas do arco parlamentario comparten unha mesma idea: Manuel non debe pasar nin un só día na cadea.
Agora só queda agardar ao que o goberno galego obre en consecuencia e transmita a petición coa máxima urxencia ao goberno do Estado, e a este que comunique de inmediato o indulto a Manuel.
Novas relacionadas
- O pobo de Lira falou e pediu xustiza, pediu perdón para Manuel de Talelo.
- O PP tamén solicita o indulto a Manuel de Tatelo e pide actuar con severidade ante o furtivismo.
- O PSOE tamén leva ao Parlamento a petición de indulto de Manuel de Talelo.
- Carnota mobilízase polo indulto de Manuel de Talelo.
- O BNG traslada ao Parlamento a petición de indulto a Manuel de Talelo.
- Manuel de Talelo: As secuelas da falta de vixilancia na Reserva Mariña dos Miñarzos.