O pobo de Lariño quere salvar o seu Faro
Son eses espazos tan emblemáticos que están esmorecendo co paso dos anos e da tecnoloxía. Xa ninguén entra, a ninguén lle importa que acontece aló dentro. 100 anos alumeando, facendo de guía para milleiros de barcos, e hoxendía non ten visitantes.
Unha situación que se repite por ducias de Faros de todo o litoral galego. E se ben temos algunha boa experiencia, como cos empresarios de Camariñas e o Faro Vilán, a meirande parte morre de humidade. Agás en Lariño, onde o pobo, da man da Asociación de Veciños Insua de Lariño están armando unha revolución para devolverlle a vida.
Están iniciando a campaña Salvemos Lariño, reclamando o arranxo do Faro de Punta Insua para frenar o seu grave deterioro. Un símbolo do Concello de Carnota está en perigo e, quen se non, o pobo, salta na súa defensa. “Un patrimonio común, vencello de mar e terra, negado ao seu pobo para a súa posta en valor e aproveitamento”, apuntan.
Hotel ou Eco-Centro
E teñen solucións. Por exemplo, conscientes da iniciativa do Ministerio de Fomento de destinalos faros como establecementos hosteleiros, desde a asociación de veciños non se vería con malos ollos, xa que o consideramos como un importante proxecto dinamizador da economía do Concello, onde non existe precisamente unha gran oferta hosteleira.Pero de non existir interese no sector privado para súa reconversión en hotel e antes de ver como ano tras ano se vai deteriorando cada vez máis un dos edificios máis emblemáticos do concello é polo que veñen de facerlle chegar a Autoridade Portuaria de Vilagacía unha proposta dos veciños de Lariño, có apoio do Concello de Carnota para a creación cun ECO-CENTRO nas referidas instalacións.
Xa no ano 2012 o alcalde de Carnota, Ramón Noceda, solicitou á Autoridade Portuaria de Vilagarcía (que é quen ten a competencia desta instalación) a cesión do faro ante o seu evidente estado de deterioro, coa finalidade de restauralo e destinalo a Eco-Centro. Porén este proxecto foi rexeitado co único argumento de que "as autoridades estaban a estudar que facer cos faros”.
A campaña
A campaña, que leva unhas semanas en marcha, consiste nunha recollida de sinaturas esixíndolle á Autoridade Portuaria de Vilagarcía que acceda ceder o Faro de Punta Insua ao Concello de Carnota con finalidade de ocupación, rematando asi dunha vez co despropósito de que sexa un dos poucos faros galegos de acceso absolutamente prohibido a veciños e visitantes, non só ás súas instalacións senón incluso ás súas inmediacións.
A campaña xa conta cunha páxina web propia (salvemosofaro.blogspot.com), e tamén está en Facebook Salvemos Lariño, onde xa sumou máis de 400 apoios en poucas semanas. Ademais, esta fin de semana a reivindicación saiu ás rúas de Lariño cun mural reivindicativo realizado no Campo de Fútbol sito no entorno, e coa instalación dun aro salvavidas no portalón que desde hai anos restrinxe o acceso de calquera visitante. Asi mesmo, esta semana pendurarase nas inmediacións da estrada comarcal unha pancarta reivindicativa, e a corporación municipal de Carnota debatirá no seu vindeiro pleno a petición dos veciños unha moción en apoio da iniciativa. Tamén hai previstas unha xornada de portas abertas no Faro e varias accións de voluntariado de limpeza do entorno, cuxos datos iremos comunicando segundo se vaian ultimando máis detalles.
Unha BTT Solidaria
Xa están armando unha BTT Solidaria a celebrar en Lariño para o vindeiro 28 de setembro. Xa saben, por unha boa causa. Teñen máis información en bttsolidario.galitiming.com.
Máis información
Novas relacionadas
- A bitácora da semana (CCLX): Salvemos o Faro de Lariño.
- Os veciños de Carnota queren salvar o Faro de Lariño.
- A actividade cultural no Faro Vilán permite aumentar nun 40% o número de visitantes.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).