Un sábado de Batukada e inchables para o día Entroido de Carnota
Tras coñecer o de Fisterra, os Concellos da comarca vanse animando a presentar o programa de Entroido. Hoxe coñecemos o de Carnota, que ten no sábado 26 de febreiro, o día forte, cunha cunha festa ao aire libre (se o tempo o permite, se non no pabillón de Carnota) con posto lambeteiro (a prol da anpa do cole de carnota) e inchables e palomitas para a rapazada, e un concurso de disfraces con 3 premios aos individuais e un ao colectivo. Ese mesmo día, un grupo de xente da asociación Vintepicopés e ACEP), levarán a música por toda a parroquia, coa súa batukada percorrendo barrios e bares do Concello.
Un día antes, o venres 25, pavillón de Carnota encherase de nen@s de 4 a 12 anos a partir das 17:00h co Obradoiro de Entroido e Xogos de Tempo Libre da man de Infantilandia. Para esta actividade hai que inscribirse previamente na oficina de Cultura e Deportes do Concello de Carnota.
O programa continúa o Luns 28 de febreiro, ás 11.30 h, no salón de actos do Concello cun Contacontos para bebés (de 0 a 4 anos) da man de Raquel Queizás, con “A Viaxe de Nano”.
O martes 1 de marzo, ás 11.30 h, no salón de actos do Concello, e tamén pensando na conciliación das familias, chega “O libro xigante”, un conto teatralizado que nos achega Manuel Solla para público familiar. Trátase dun espectáculo con monicreques, contos, maxia, animación, clown, música...
E para rematar, o Mércores 2 de marzo, ás 12.30 h, no salón de actos do Concello, un Concerto para público familiar de música infantil en directo. Iuiluis XIII vén presentar o seu “Concerto atípico para familias” a Carnota, esperando que se goce dun concerto de verdade, con cancións ben coñecidas pola rapazada, no noso concello.
* Non haberá actividade na Escola de Música os días luns 28, martes 1 e mércores 2. Dende o xoves 3 retomaranse todas as actividades nos horarios habituais.