Subindo, en bici e en primeira persoa, á Moa
Temos hoxe un documento espectacular. Esta pasada fin de semana o Monte Pindo e as bicis foron protagonistas por diferentes causas. Ademais da Ruta MTB "Terra Neria", un grupo de Monte Alto conquistou o cumio do Monte Pindo. Pero bicis e Pindo tamén fundíronse nunha soa imaxe: a que protagonizou Carlos Waldomar, o piloto carnotán, que rubiu rocha a rocha ata A Moa, na súa bicicleta de trial.
O propio Carlos Waldomar, ademais de enviarnos este completo vídeo da subida, fainos unha pequena crónica en primeira persoa. Imos con el ata A Moa.
Subindo á Moa en bici, por Carlos Waldomar
O por que da subida á Moa en bicicleta?
Todo escomenzou un día que alguén da Asociación Monte Pindo Parque Natural me dixo que as subidas en moto á Moa tiñan que deixar de efectuarse. Naquel momento entendín que tiña moita lóxica, pois se hai un montón de xente loitando para que algún dia sexa Parque Natural, é totalmente imconpatible que circulen motos arriba e abaixo mentres se están facendo excursions organizadas e outros eventos.
Pero aínda entendendo esto, custábame moito asimilar que nunca máis poderia subir á Moa sobre dúas rodas, algo que levaba facendo anos, de repente tiña que deixar de ser. Nese momento pensei na bicicleta como unha posible idea, e gustoume pero sabía que o esforzo físico sería moi grande. Aínda así quedou a idea no aire ata fai uns días, que decidin facelo.
A subida parecía sinxela ó principio, pero despois púxose moi dura. Pensei de abandonar e marchar, pero a xente ca que ía animoume e seguín ata o final. Algúns tramos eran tan duros que tivemos que facer ca bicicleta ás costas, pero casi todo o percorrido o fixen subido nela. A bicicleta ten que ser especial, para ser máis exactos só será posible facelo con unha bicicleta de trial e saber facer polo menos algo deste deporte. Eu practiqueino fai moitos anos e algo quedoume, o suficiente para poder seguir subindo o Monte Pindo sobre dúas rodas.
Na baixada atopeime con Mario Maceiras, da Asociación MPPN, e gustoulle a idea de que nun futuro se poidan facer rutas cicloturísticas á Moa. Para iso, o camiño en algún punto tería que alisarse un pouco, aínda que non sexa a todo o ancho, si un pequeno carril polo que poidera pasar as rodas da bicicleta.
Falando hoxe co meu amigo Xosé Manuel Rey, comentábame que se poderia facer un triatlón na nosa zona, incluíndo a subida en bicicleta ó Monte Pindo. Ideas nese sentido poden saír moitas. Todo o Monte Pindo é ideal para a práctica de calquera deporte... sen motor.
- Carlos Waldomar, piloto carnotán de Trial.
Novas relacionadas
- As bicis de montaña tomaron os montes da Terra Neria.
- Monte Alto conquista o Monte Pindo.
- QPC MOTOR: Santa Comba acolleu a última proba do Autocrós galego.
- QPC MOTOR: Carnota vibrou co Trial.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).
- Información enviadas polo propio Carlos Waldomar.
- Fotos e vídeo de Mariola Varela.