Venres. 19.04.2024
El tiempo

O TFG de Alba Lestón ofrece unha solución ao tránsito peonil entre O Ézaro e O Pindo

Senda peonil sobre O Pindo-TFG de Alba Leston
Senda peonil sobre O Pindo-TFG de Alba Leston
O TFG de Alba Lestón ofrece unha solución ao tránsito peonil entre O Ézaro e O Pindo

“Unir o Monte Pindo coa fervenza do Ézaro ten que ser un ABC”. Son palabras do alcalde de Carnota hai apenas uns meses en QPC, sobre unha das necesidades en materia de infraestruturas de comunicación máis flagrantes da comarca.

É certo que as casas da entrada do Pindo polo norte fan complicado o tránsito peonil pola AC-550. Para solventalo hoxe coñecemos o proxecto de pasarela peonil de madeira entre a ponte do Ézaro e o comezo da zona portuaria de O Pindo, que forma parte do Traballo de Fin de Grao de Alba Lestón. A enxeñeira, natural de Brens, analizou esta problemática real na comarca para realizar o seu TFG, e o resultado é un traballo calificado cun 10.

Lestón propón unha pasarela voladiza de madeira (baseándose nlagunhas praias da contorna, como por exemplo na praia de San Pedro do Pindo, e con unións de aceito inoxidable) que uniría a ponte do Ézaro e o porto carnotán. No primeiro tramo, na saída do porto do Pindo, proxectou unha estrutura voada pouco invasiva sobre o mar. No segundo considerou preciso bordear pola zona costeira as vivendas, construídas case sobre a liña de costa, para respectar a presenza das mesas. E no terceiro, no treito dende as últimas casas ata a ponte do Ézaro, propón darlle continuidade á pasarela peonil seguindo a marxe da estrada AC-550 mediante unha estrutura biapoiada.

Ademais, o proxecto incluiría unha barreira de seguridade, unhas zonas de xardín e un pequeno aparcamento aproveitando os tramos da estrada vella; mobiliario (bancos e papeleiras) e iluminación led ao longo de toda a pasarela.

Unha obra que contaría cun presuposto de máis de medio millón de euros, e duraría case 1 ano. Podedes ver aquí toda a información sobre o proxecto.

Voladizo de madeira entre O Pindo e o Ezaro por Alba Leston
Planos do terceiro tramo da pasarela, preto da ponte do Ézaro

Criterios medioambientais

Lestón fixo referencia no traballo aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, “xa que creo importante que tódolos proxectos de enxeñería que se realicen partan dun estudo de necesidades reais e dean solución sostibles ao longo tempo, e creo que os ODS son unha boa ferramenta para tal fin". Lamenta que durante a carreira non se dedique máis tempo á formación en materia de sostibilidade, pero a súa “preocupación polo medio e a xustiza social” vén do berce e do que lle trasmitiron toda a famiia dende cativa. Ademais parte da súa formación débella á participación na ONGD Enxeñería Sen Fronteiras Galicia, agrupación que forma parte da Federación Española de Ingeniería Sin Fronteras, da que actualmente é Secretaria na equipa directiva.

Sendeiro litoral amplo

Este treito podería servir de semente para a desexada senda que uniría Caneliñas, Gures, o Ézaro e o Pindo, facendo transitable de xeito peonil unha zona de litoral marabillosa. Os tres alcaldes implicados (o propio Moma, alcalde de Carnota; José Manuel Pequeño, alcalde de Dumbría; e Margarita Lamela, alcaldesa de Cee), fixeron referencia a esta senda nas entrevistas que realizamos nos #DirectosQPC durante a corentena.

Novas relacionadas

Comentarios