Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Un verán de conto e de reforzo en Carnota

Un verán de conto e de reforzo en Carnota

Doble actividade educativa a que prepara o Concello de Carnota para este verán, unha como medida de reforzo e outra para fomentar a lectura.

Escola de Verán de Carnota

Comeza a Escola de Verán que organiza o Concello de Carnota. Trátase dun programa educativo dirixido preferentemente ao alumnado de ESO e PCPI, que engloba clases de reforzo educativo e obradoiros de técnicas de estudo e educación emocional.

A actividade é gratuíta e engloba clases de reforzo educativo nas diferentes materias da etapa, segundo as necesidades específicas de cada alumno, así como obradoiros de técnicas de estudo e educación emocional.

As clases comezan o próximo luns e terán lugar no edificio Domus Atlántica (Portocubelo -Lira), tres días á semana (luns, mércores e venres), en horario de mañá (10:00 h – 13:30 h).

A inscrición na Escola de Verán continúa aberta, polo as persoas interesadas en participar deben contactar co Concello para formalizar a matrícula.

Programa de dinamización lectora

Programa de animacion a lectura no veran en Carnota

A próxima semana botará a andar o programa de dinamización lectora Un verán de conto!, promovido pola Axencia de Lectura Municipal de Carnota. Desenvolveráse en catro sesións, durante os meses de xullo e agosto, con contacontos e espectáculos teatrais.

 

O programa arrancará o venres 12 de xullo ás 11:30 h, cunha sesión de contacontos, da man de Miro Villar. Con el coñeceremos os contos da serie “Carlota, a marmota” (Xerais); A cobiza do verme Noel (Galaxia) e Rebelión na charca (Sotelo Blanco), narrados polo propio autor.

Violeta, a carteira bolboreta é o título da segunda sesión, que terá lugar o venres 19 de xullo, ás 11:30 h, na Axencia de Lectura Municipal. Mau e Pin, os autores da colección “Polo correo do vento” (Xerais), espertarán a creatividade dos máis pequenos mediante unha actividade que combina a narración oral e a ilustración.

O venres 2 de agosto a compañía Elefante Elegante chega a Carnota co espectáculo de aventuras O aviador, no que a narración oral estará acompañada pola música e grandes doses de humor. A función terá lugar ás 11:30 h no Salón de Actos do Concello.

Pecharase o programa o venres 9 de agosto, con Príncipas e princesos (Os Contos de Pablísimo), unha sesión de contacontos que nos achegará unha divertida reflexión sobre a igualdade de xénero, a través de contos atípicos con cambios de rol e inversión dos papeis tradicionais. A actividade terá lugar ás 11:30 h, na Axencia de Lectura Municipal.

Todas as actividades están dirixidas a nenas e nenos a partir dos 3 anos de idade e desenvolveranse co financiamento da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ao abeiro do programa Ler Conta Moito.

Novas relacionadas

Fonte

  • Concello de Carnota.
 

Comentarios