Venres. 29.03.2024
El tiempo

A CIG esixe o inmediato rescate da concesión da piscina de Cee

A CIG esixe o inmediato rescate da concesión da piscina de Cee
PIscina Municipal de Cee

Volve o asunto laboral da piscina de Cee á palestra. A CIG presenta hoxe luns un escrito á Corporación de Cee para que o Concello proceda de inmediato “a rescindir ou secuestrar a concesión da xestión da piscina municipal adxudicada a Aquacenit, logo de que a Inspección de Traballo volvera constatar graves infraccións en materia laboral”.

Concretamente, explica o responsable da CIG de Cee, Xabier Santos, “no informe remitido o pasado 9 de marzo, a Inspección confirma a vulneración de dereitos fundamentais do delegado de persoal e propón expediente sancionador á empresa por infracción moi grave en materia laboral”. Esta “persecución”, aclara Xabier Santos, refírese “ás modificacións horarias impostas por Aquacenit ao delegado, que a Inspección considera foron unha represalia derivada das reclamacións realizadas polo representante dos traballadores e traballadoras”.

Así mesmo, “a autoridade laboral confirma que segue sen respectarse o dereito que ten o persoal con contrato parcial a que se lle amplíe a xornada laboral, no caso de existan vacantes. Unha situación que se deu, mais a empresa non ofreceu a xornada vacante ao delegado, senón que contratou outro persoal”, sinala Santos, que lembra que “este manifesto incumprimento do estabelecido no Estatuto dos/as Traballadores/as e no Convenio Colectivo constitúe una infracción administrativa grave”.

Xunto a isto, “a Inspección ratifica que non existe xustificación para o despedimento improcedente –denunciado pola parte social- executado pola empresa e que esta medida é unha clara represalia derivada do resultado do proceso de eleccións sindicais no centro”. De igual xeito, “reitérase que Aquacenit aínda non subsanou outras irregularidades detectadas en anteriores investigacións, tales como incumprimentos da normativa aplicable en materia de modificación dos calendarios”.

Mentres, a situación da piscina xa foi tratada en dúas sesións do pleno municipal, acordando a Corporación instar a empresa a cesar na súa actitude represiva ou do contrario proceder o rescate ou secuestro da concesión. A vista dos “graves incumprimentos do prego de condicións da contrata e a reiterada vulneración dos dereitos laborais do persoal”, a CIG demanda do Concello que faga efectivo este acordo, “se rescate ou secuestre a concesión e se restablezan os dereitos dos traballadores e das traballadoras”.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa de Xabier Santos Canosa, responsable da Unión Local da CIG-Cee.

Comentarios