A CIG informa dun novo expediente á empresa da piscina de Cee


”A Inspección de Traballo vén de remitir unha outra resolución na que se constatan novos incumprimentos da empresa que xestiona a piscina municipal de Cee, Aquacenit, en materia de calendario laboral e descanso semanal, propondo a apertura de expediente sancionador a empresa por infracción grave da normativa vixente”. Así informa a CIG, que presentou un novo escrito no Concello de Cee para esixir resposta do grupo municipal, unha vez que se trata dunha concesión, esixindo, de novo, o rescate da mesma.
Na resolución, segundo a CIG, “a Inspección constata que Aquacenit non respectou a obriga de elaborar o calendario laboral para o ano 2015 nos meses anteriores ao remate do exercicio anterior. Unha obriga que aparece recollida no convenio colectivo de aplicación e que supón unha infracción grave da normativa laboral”. Ademais, “a empresa concesionaria tampouco respectaría o dereito dos traballadores e traballadoras a gozar de dous días ininterrompidos de descanso semanal, polo que dende a Inspección se insta a dirección a corrixir de inmediato esta situación ou do contrario estenderase acta de infracción”.
Xunto a isto, denuncia o Secretario da Unión Local da CIG de Cee, Xabier Santos, “a empresa prosegue coa súa actitude antisindical e está a promover a revogación do delegado de persoal en clara represalia polas denuncias realizadas”.
O responsable da CIG de Cee lembra que a situación “irregular” iniciouse tras da compra da empresa concesionaria por parte de Axiña Servizos Deportivos e a celebración das eleccións sindicais (gañadas pola central nacionalista).
Novas relacionadas
- 23-03-15: A CIG esixe o inmediato rescate da concesión da piscina de Cee.
- 14-01-15: Denuncian a situación laboral na piscina de Cee.
- 113 alumnos de Cee tíranse á piscina en horas lectivas.
- Por unha Tarifa Eléctrica Galega.
Fonte
- Nota de prensa de Xabier Santos Canosa, responsable da Unión Local da CIG-Cee.