A Inspección de Traballo respalda ás traballadoras da limpeza do Hospital


Continúan, como cada mércoras, as protestas do Colectio de Traballadoras da Limpeza do Hospital Virxe da Xunqueira ás portas do centro. E o fan tras coñecer que a Inspección de Traballo vén de comunicar "o inicio dun expediente sancionador por infracción grave contra Limpisa Grupo Norte e a Xerencia ao considerar que vulneraron o dereito á folga das traballadoras/as do servizo de limpeza".
A Inspección considera "probado que os servizos mínimos impostos para as xornadas de folga eran superiores á carga de traballo asignada nas xornadas ordinarias", tal e como se denunciou por parte da representación sindical.
A Inspección entende que esta actuación “constitúe unha vulneración do dereito de folga dos traballadores, polo que se propón o inicio de expediente sancionador por infracción grave”, dando así á razón ás denuncias formuladas polas traballadoras, que tiveron que suspender á convocatoria de folga indefinida ante a imposibilidade de levar a cabo a medida de protesta por mor dos "abusivos servizos mínimos impostos".
Esta resolución favorable ao colectivo de traballadoras vénse sumar á sentenza do Xulgado do Social publicada hai unhas semanas, e que anulaba a orde de servizos mínimos decretada pola Consellaría de Sanidade para os paros parciais do mes de novembro.
Mesa de negociación
Dende o colectivo de traballadoras/es demanda á empresa e á Xerencia que "abandonen a súa actitude inmobilista e promovan a creación dunha mesa de negociación de cara a acadar un acordo para a equiparación efectiva deste persoal co Grupo E do Sergas".
Novas relacionadas
- 02-02-12: Anulados os servizos mínimos esixidos pola Xerencia do Hospital.
- 23-01-12: Continúa aberto o conflito da limpeza no HVdX ante a posible mediación da administración e os “abusivos” servizos mínimos.
- 20-01-12: Nova folga indefinida das traballadoras da limpeza do Hospital.
- 02-11-11: Máis paróns na limpeza do Hospital.
- 05-10-11: “Xerencia escoita, limpeza está en loita”.
- 30-05-11: A CIG pide a equiparación salarial dos traballadores da empresa de limpeza do HVdX cos do SERGAS.
Fonte
- Nota de prensa da CIG-Cee.