Abre o prazo de admisión da Educación para Adultos en poucos Institutos da bisbarra
Os Institutos Fernando Blanco de Cee, IES Isidro Parga Pondal de Carballo, IES Fontexería de Muros e IES de Ponteceso, abren o prazo para solicitar a admisión nas ensinanzas de Educación de Persoas Adultas, EPA, contan cun prazo para solicitar a admisión nas mesmas para o vindeiro curso 2016-2017, dende o 1 ao 15 de xuño.
Esta convocatoria diríxese a aquelas persoas que teñan 18 ou mais anos, e que poidan acudir en horario de tarde-noite ás clases que lles permitan retomar antigos estudos primarios para acadar o Título de Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria.
A oferta pública de educación de persoas adultas, gratuíta e de calidade, fai posible que as persoas adultas poidan adquirir, actualizar, completar ou ampliar os seus coñecementos e aptitudes para o desenvolvemento persoal e profesional.
É esta unha gran oportunidade para quen non ten a titulación básica porque non puido ir á escola, para quen foi hai moito tempo, e xa non lembra, para quen non rematou a EXB... ou quen ten o Graduado escolar mais non o Graduado en ESO. Para quen quere adquirir coñecementos para se desenvolver mellor neste mundo tan complexo, ou ben mellorar os coñecementos para axudar ás fillas e fillos… ou buscar traballo, e sempre piden o Graduado…, é o momento de solicitar a admisión para o vindeiro curso.
As fases
Nas ensinanzas de EPA pódense diferenciar:
a) ENSINANZAS BÁSICAS
- Nivel 1. Destinatado a todas as persoas adultas que necesiten adquirir técnicas básicas de lectura, escritura e cálculo.
- Nivel 2. Destinatado a persoas sen ningunha titulación que desexen acceder á educación secundaria, seguir con garantía de éxito cursos de cualificación profesional ou potenciar a súa participación activa na vida social, cultural, política e económica.
o mes de setembro realizarase unha proba de nivel para as persoas que non poden acreditar estudos. O resultado permite adscribir a cada persoa ao nivel que está en disposición de acadar.
b) EDUCACIÓN SECUNDARIA
Destinada a todas as persoas adultas maiores de 18 anos que desexen obter o título de graduado en educación secundaria. Constan de catro módulos de duración cuadrimestral. Cada un organízase en tres campos de coñecemento: ámbito de comunicación, ámbito de sociedade e ámbito científico-tecnolóxico.
- Estas ensinanzas poden realizarse, con carácter xeral, en dous cursos académicos. Sen embargo, as persoas adultas poden permanecer cursando estas ensinanzas o tempo que o seu ritmo de aprendizaxe precise.
- Pódense validar os diferentes ámbitos nos distintos módulos, dependendo dos estudos de EXB ou ESO que se certifiquen. Así, nunhas materias se pode cursar un nivel, e noutras, outro.