ACN agradece a labor de Pepa Fandiño


Sabiamos onte que Pepa Fandiño deixa o seu posto de edila no Concello de Cee. Un posto de concelleira que asumirá Serxio Rodríguez, o que era número 4 do BNG ceense e que quedou de cabeza visible cando o grupo expulsou aos 3 edís que pactaron co PP para levar adiante a moción de censura contra Ramón Vigo.
Hoxe, o grupo da Asemblea Nacionalista de Cee, formada por Daniel Oca e Santos Graíño, quere agradecer o labor realizado por Pepa, e envía esta carta:
Grazas Pepa.
Cando hai xa máis de tres anos comezamos a traballar con Mª Xosé Fandiño, confirmamos o breve coñecemento que tiñamos do seu quefacer: a entrega, a honradez e a incansable vontade de axudar a transformar a nosa sociedade co seu traballo.
Tivemos que afrontar duras campañas xuntos, e demostrou a coherencia dos seus principios cando, coa práctica, transformou a Concellaría de Cultura nun núcleo dinamizador da vida do noso Concello: valorando o que nos fai únicos, impulsando a cultura local, divulgando o traballo das asociacións, potenciando as tradicións, combinando traballo e lecer nun dos veráns máis dinámicos que viviu Cee. E todo isto cun exiguo orzamento, con recursos limitados, co bo facer que propicia un carácter como o que ten a nosa Pepa. As súas compañeiras e os seus compañeiros nesta andaina queremos transmitirlle o noso agradecemento e todo o noso aprezo.
Ao respecto das persoas que dubidan da lexitimidade das nosas actas nós cremos firmemente na horizontalidade da toma de decisións á hora de exercer a política. Cando un cre firmemente no asemblearismo, ten que practicalo en todo momento e lugar. Non é coherente pedir a autodeterminación para un pobo, e impedir que unha asemblea local tome as decisións que atinxen ao seu entorno. Acreditamos que a democracia se exerce no ámbito ao que se refiren as decisións asumidas; cando nunha votación se toma unha decisión por unha maioría cualificada, o democrático é que todos asuman a decisión, e non que se volva en contra dos seus compañeiros, amosando a súa mesquindade. Aínda máis, a persoa que representa esa asemblea debe ser o seu portavoz, non portavoz das súas propias ideas.
- ANC.
Novas relacionadas
Fonte
- Nota de prensa de ANC.