Xoves. 28.03.2024
El tiempo

A APP TAS xa ten unha valoración de 4M €: "Estase taseando moito en América"

Ruben Prieto na sua casita rodante coa APP TAS
Ruben Prieto na súa casiña rodante coa APP TAS
A APP TAS xa ten unha valoración de 4M €: "Estase taseando moito en América"
Falabamos con el hai pouco máis dun ano, cando lanzaba unha APP cunha valoración de máis de 1 millón de euros. Son xa 3 millóns a valoración que lle dan as plataformas á TAS trala segunda ronda de captación de inversores.

Falamos con Rubén Prieto, o polivalente ceense que é o creador, e CEO, da APP.

 
  • QPC: Antes de nada, refréscanos: Para que vale esta APP-TAS?? Que significa iso de romper a barreira do tempo e o espazo?

É unha oficina mundial de obxectos (e encontros) perdidos. Permite que dúas persoas se poidan poñer en contacto entre si sen ter datos a unha da outra. Hai varias maneiras de facelo: Se a única información que teñen o un do outro é que estiveron un día nun lugar en concreto… unha das dúas persoas deixa un tas (unha nota) nese lugar do mapa e nesa data e agardará a que a outra persoa a atope e lle conteste. Por exemplo: un agradecemento por unha axuda nun accidente, un namoramento fugaz onde a vergoña lles impediu falarse…

Se a búsqueda non é recíproca pero unha das persoas ten feito un perfil en Tas e non lle importa ser atopado por quen o busque… podes atopala sabendo só algún dato dela como a matrícula do coche, o oficio ou algunha característica física. Podes buscar a alguén que ten un “citroën” mais un “cocker” de mascota.

E obviamente podes buscar nunha zona e unha horquilla temporal e filtrar por categorías “perdido” “atopado” ou palabras clave “chaqueta” “gato” “negro”...

 

  • QPC: Xa pasa do ano dende que a sacastes. Cantas descargas ten a aplicación a día de hoxe?

Levamos 80.000 descargas neste momento entre as de iphone e android.

 
  • QPC: Carallo, son moitas non??? Vai a cousa vento en popa entón?

Estamos contentos si. Marcámonos como meta arrancar 2022 con 50.000 e superámolo con creces. Alucinados coa acollida que tivo en América por exemplo. Estase taseando moito por alí. Porque temos a app en galego, en castelán e inglés. E estamos mirando de traducila tamén ao ucraniano porque podería ser de gran axuda alí nestes momentos.

 
  • QPC: Semella que a nivel económico tamén. Como foi esa segunda ronda de captación de investimento? Responden as grandes fortunas?

Pois a valoración da app segue aumentando a bo ritmo. Nesta segunda ronda que acabamos de pechar a valoración foi de 2,4 millóns e vendimos 384.000€ en participacións. Polo que agora mesmo rozamos os 3 millóns de valoración. Ao ritmo ao que vamos, tanto de captación de usuarios como de evolución da app en xeral, na próxima ronda extráñame que baixemos de 4. E grandes fortunas… entrou unha, sí. Nesta ronda 200.000 € foron de inversores pequenos (cunha aportación media de 3000€) e un coñecido empresario galego mercounos un anaquiño de Tas por 184.000€.

(Moitas veces me preguntan como é iso da valoración, que quen a fai… é moi sinxelo: se ti tes unha cesta con 100 mazás (accións da empresa) e as últimas mazás chas están mercando a 20€ pois a valoración da túa cesta de 100 mazás é de 20€x100= 2000€)

 
  • QPC: Ti xa estás bregado en mil historias, pero como é o proceso de emprendemento dunha cousa coma esta?

Está sendo un proceso moi bonito. Eu non tiña nin idea do mundo tecnolóxico nin empresarial a estes niveis pero fun aprendendo pasiño a pasiño gracias a ir rodeándome de persoas que saben máis ca min en diferentes sectores. Somos un equipo de 15 persoas (programadores, expertos en marketing e redes, deseñadores ui e ux, avogados) das cales 8 estamos a xornada completa e entendémonos moi ben.

 
TAS APP Equipo
Equipo TAS
  • QPC: Estás facendo ti tamén o proceso de captación ou tes un equipo detrás?

Diso estoume encargando eu só, si. Aínda que está sendo moi sinxelo. Ao principio elaborei un plan de negocio que contiña todo o que os entendidos necesitaban saber e cunha linguaxe que a xente de a pé puidese entender. Facía videoconferencias (comecei en pleno confinamento) e trataba de explicar o mellor posible o proxecto e o potencial que tiña. Unha vez saímos ao mercado practicamente son os inversores interesados os que se poñen en contacto conmigo. E algúns socios tamén están traendo a amigos e familiares. Hai todo tipo de socios, dende mestres a mecánicos pasando por futbolistas, actores coñecidos e grandes empresarios.

 
  • QPC: Que campañas de captación estades desenvolemento e en que plataformas?

Principalmente facebook e instagram son as plataformas que nos traen o 90% das descargas. Tamén invertimos en google e tiktok pero moito menos. Tamén facemos colaboracións con “influencers” como Runbenguo (1 millón de suscriptores en youtube), Paula de “Allende los mares” ou próximamente Michenlo en instagram.

 
  • QPC: Que esperades do futuro inmediato da APP?

Imos integrar en breve os X-Tas (tases en realidade aumentada que só se poden ler se estás “físicamente” diante deles), tamén os tases anónimos… e máis novidades que agardamos gusten moito aos usuarios e multiplique o seu uso e as descargas. Tamén trataremos de estar nos festivais de música máis coñecidos con un stand físico como oficina de obxectos perdidos para darnos a coñecer. Posiblemente a finais de ano arrancaremos con outra ronda de financiación e por outra banda tamén estamos comezando a recibir peticións de outras empresas que queren aproveitar a nosa infraestructura para que lles elaboremos nós as súas apps ou campañas de marketing.

 
  • QPC: E ti persoalmente, esperas “saír de pobre” e poder deixar de traballar?

jajaja, eu se saio de pobre vou seguir facendo exactamente o que estou facendo. Divírtenme e ilusiónanme os proxectos nos que me embarco así que pouco máis me dá ser rico que pobre nestes momentos. Eu firmo por quedarme como estou :) A ver, que se me mercan a app nun futuro por centos de millóns igual algún caprichiño si que me daría eh. Un aniño de viaxes, produciría unha película e voltaría a traballar intentando desenvolver proxectos persoais. E unha avioneta para ir a polo pan. Bueno, e un veleiro, que o meu foise ás pedras jaja.

 
  • E mentres, aínda tes tempo para seguir facendo traballos de creación de contidos audiovisuais, e mesmo embarcarte nunha aventura con Talía Teatro? Cóntanos como foi a estrea a semana pasada de “Morte Accidental dun Anarquista”?

Foi xenial. Dous días co teatro principal de Santiago cheo ata os topes e un público super entregado. Eu, coma sempre, ía coas expectativas baixas pero aínda que as levase altas teríame sorprendido igualmente. O feedback foi mellor do esperado e todos disfrutamos moito encima do escenario.

 
  • E a escola de surf de Nemiña?? Segue funcionando? Segues inmerso ou teste despistado algo?

Segue funcionando a tope. Gracias a Suso Lema en quen deleguei o 99% das tarefas cunha confianza e fe cega nel. Fai un traballo estupendo coordinando ao equipo de monitores, atendendo o chiringuito e a xente está namorada del. É unha persoa moi respetada e valorada no mundo do surf galego. Eu de vez en cando paso por alí a surfear algún día solto ou a dar algunha clase cando teño mono pero xa prácticamente coma un visitante. De feito ás veces algún xa se pensou que eu era un monitor eventual contratado por Suso :) Disfruto moito alí. E paz, diversión, mar e amigos.

 
  • QPC: E por certo, como continúa esa vida vida nunha casiña rodante?? Non tes pensado parar nunha vivenda pegada ao chan? Que che dá esa vida na estrada?

Liberdade absoluta. Vivir en santiago mentres ensaiabamos o espectáculo con Talía, vivir na praia cando hai olas, na montaña cando hai condicións para voar en parapente... As comodidades que me aporta un piso non superan os praceres que me da a liberdade de vivir nunha autocaravana. Se tivese parella ou fillos xa me iría para unha casa con finca ou algo así pero aínda non é o caso jaja.

Novas relacionadas

Máis novas de Rubén Prieto

Comentarios