Talía Teatro presenta o seu novo espectáculo “Morte Accidental dun Anarquista”

Presentaba onte a compañía costeira por excelencia, Talía Teatro, o seu novo espectáculo. Trátase, nada menos, dunha obra de Darío Fo, “Morte Accidental dun Anarquista”, dirxida por Cándido Pazó e protagonizada por un completo elenco de actores e actrices da Costa da Morte: Toño Casais, Dani Trillo, Xurxo Barcala, Rubén Prieto, Artur Trillo, Diego Rey e Marta Ríos.
En presencia de Mercedes Rosón, e coa colaboración da Agadic, a compañía fixo esta primeira presentación previa á estrea mundial, que terá lugar este venres 11 e sábado 12 de marzo no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
A obra, escrita en 1970, sitúa a acción nunha Italia de gran inestabilidade social, "que ben podería ser un retrato da actual situación do noso país".
”Levaba moito tempo no noso ficheiro de posibles”, recoñecen dende a compañia, pois se trata “dun texto clásico cunha comicidade mordaz, absolutamente desbordante”. "Os clásicos é o que teñen, que as súas portas están sempre abertas a novas visitas: dos creadores e do público. Porque, por desgraza, 50 anos despois de ser escrito, este sainete político, esta disparatada pero reflexiva comedia, segue aportando sons que, dun xeito máis ou menos directo ou metafórico, reverberan aínda nos muros da actualidade", apuntan.
Ademais das caras visibles, detrás do telón estarán os xa galardoados Martina Cambeiro (Vestiario e caracterización) e Dani Trillo (escenografía e iluminación), e Manu Abraldes (Música), Fausto Isorna (Deseño gráfico), Rubén Prieto (Fotografía e vídeo), Auri Ferreiro e Artur Trillo (Produción e distribución), María Ordóñez (Ax. Dirección) e o propio Cándido Pazó (Versión ademais de dirección).

Ademais das citas no templo santiagués, a obra xa ten data en outras localidades como Boiro (25 de marzo), Cee (26 de marzo), Vimianzo (2 de abril), Ribadeo (3 de abril), Lugo (7 de abril), Muros (23 de abril), Narón (6 e 7 de maio).

Novas relacionadas
- Decembro 21: Talía Teatro pechou a 17ª Mostra de Teatro de Malpica.
- 2021: Talía Teatro estrea “A parábola do angazo”, que pecha a triloxía das obras referencias sobre a lingua
- 2020: Martina Cambeiro, de Talía Teatr, repite Premio María Casares.
- 2019: Os Premios María Casares traen tres galardóns para a Costa da man de Talía Teatro.
- 2018: Talía Teatro lembrou os 40 anos do teatro profesional na Gala dos XXII Premios de Teatro María Casares.
- María Casares 2012: Talía Teatro e Vicente de Souza traen dous novos premios á Costa duns María Casares máis reivindicativos ca nunca.