Baixa nun 32% a lista de espera para consultas externas no HVDX
10:30 28/04/11
O tempo medio de espera cirúrxica reduciuse no Hospital Virxe da Xunqueira de Cee de 41 días a 33, é dicir 8 días menos. Ese pode ser o dato máis salientable do primeiro trimestre do centro hospitalario, que xa se atopa nos mellores números acadados nos últimos 5 anos.
Cifras presentadas onte pola dirección do mesmo, que fixo fincapé na necesidade de "manter os niveis acadados ao longo deste ano e reenfocar a atención cara aos pacientes, centrándoa nas súas necesidades. É dicir, na urxencia, gravidade e prioridade dos problemas que motivan a cita ou intervención cirúrxica".
Para centrar a atención no paciente estanse a seguir fundamentalmente tres eixos: que a gravidade das patoloxías dos pacientes sexa un factor determinante no tempo de espera media, que exista unha atención de patoloxías preferentes (prioridade 1) en menos de 30 días, e que no resto da cirurxía programada ninguén espere máis de 90 días.
De acordo con estes eixos o Hospital Virxe da Xunqueira de Cee está colleitando os mellores tempos acadados nos últimos 5 anos, continuando co incremento do rendemento dos servizos e da actividade en xornada ordinaria, ademais de aumentar a capacidade resolutiva de cada nivel.
Outros datos destacables
- O número de pacientes que esperan para ser vistos en consultas externas reduciuse nun 32% con respecto ao ano pasado.
- A Espera Media para unha primeira consulta foi de 31 días fronte aos 67 do ano pasado.
- Ao longo do primeiro trimestre do 2011, realizándose 803 intervencións, o que supón 43 pacientes máis operados con respecto ao mesmo trimestre do ano anterior.
- O rendemento cirúrxico aumentou en 3 puntos, pasando do 72% ó 75%.
- En canto ao número total de pacientes que se atopaban á espera dunha intervención cirúrxica no primeiro trimestre do 2010 era de 506 fronte os 345 deste ano, é dicir, 161 pacientes menos que no 2010 o que supón unha diminución do 31.8%.
- O numero de pacientes que tiñan que esperar máis de 3 meses para unha intervención reduciuse nun 75 %, pasando de 51 pacientes a 13.
- A Estancia media reduciuse de 7.69 días a 6.23 no primeiro trimestre deste ano.
Obxectivos
De acordo a Estratexia SERGAS 2014 estase a incrementar a capacidade resolutiva, traballando en diversas estratexias como a implantación de Vías Rápidas para Patoloxía Oncolóxica, implantación de procesos de Atención Integrada, fomento da utilización da Historia Clínica Electrónica e aumentar as Consultas de Alta Resolución ou de acto único.Novas relacionadas
- 20-01-11: Ningún paciente esperou máis de 3 meses para operarse no HVdX.
- O HVdX criba o cancro de mama e festexa o Nadal con máis de 200 cativos.
- 25-10-10: As listas de espera cirúrxica do HVdX xa nunca pasan dos 4 meses .
- Que pasou na Costa, con Víctor Castiñeira: A asistencia hospitalaria na Galicia do século XVI (IV): A situación nas vilas de Corcubión, Fisterra e Muxía.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).
- Datos do HVDX.
- Fotografía de Marcos Rodríguez.