Luns. 29.04.2024
El tiempo

O BNG da Costa da Morte reivindica o 8M con homenaxes e mocións

  • ÚLTIMA HORA: O roteiro homenaxe queda adiado ao 15 de marzo.
8marzo bng costa da morte
O BNG da Costa da Morte reivindica o 8M con homenaxes e mocións

Este venres 8 de marzo, moitas mulleres estarán participando na Xuntanza de Mulleres convocada polo colectivo Buserana. Outras moitas persoas acodirán ao acto de homenaxe que convoca o BNG co gallo do Día da Muller Traballadora. 

O roteiro homenaxe comeza ás 19:30h na Praza do Olvido, repasando historias concretas e anónimas de mulleres que fixeron historia.

Farán parada na praza Concha Blanco, onde falarán varias profesionais de diferentes sectores. E rematará ás 20:20h na Praza 8 de marzo, onde lerán o manifesto e haberá música.

Mocións nos Concellos

Os grupos municipais do BNG representados nas Corporacións Locais dos concellos da Costa da Morte presentarán mocións de apoio ás reivindicacións feministas con motivo da celebración do Día Internacional da Muller Traballadora. Os nacionalistas fan un chamado á veciñanza a participar nas mobilizacións convocadas na comarca para “exixir a construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria”, e consideran que “non só é necesario non dar un só paso atrás, senón que se precisan pasos adiante, con medidas que aborden a educación en igualdade, e propostas que supoñan avances nos dereitos laborais e na mellora dos recursos contra a violencia machista”.

Nas mocións que impulsarán os diferentes grupos municipais, o BNG pedirá aos concellos “recoñecer e difundir as convocatorias do feminismo galego autoorganizado que neste 2024 sinalan os compromisos pendentes e incumpridos por diferentes institucións e ámbitos de responsabilidade”, e solicitará que as Corporación Locais expresen “o compromiso para traballar e contribuír a superar esta situación”.

Lei de igualdade no deporte

En canto á igualdade no mundo do deporte, o BNG solicitará nas mocións que o Executivo galego elabore unha lei nesa materia na que se incorporen “a creación da Comisión Galega de Igualdade no Deporte para a protección das deportistas sobre os ataques machistas e lgtbfóbicos e que contará con potestade sancionadora”. Ademais, pedirán a creación dun Observatorio Galego da Igualdade no Deporte, así como protocolos específicos e plans de conciliación familiar.

MÁIS NOVAS DO 8M

Comentarios