O BNG propón converter os restos do abeto centenario caído no IES Fernando Blanco en arte
Tralo desgrazado incidente desta pasada tarde noite nos xardíns do Fernando Blanco, coa caída do abeto grego centenario, desde o BNG lanzan un escrito ao concello con urxencia, para que cando se proceda a retirada dos restos da árbore, se teña en conta a súa proposta.
O grupo de Serxio Domínguez Louro e Montse Canosa Vigo pide converter os restos en algún tipo de actuación artística. "Aínda que a perda é irreparable polo valor social, sentimental, cultural e botánico que a planta tiña, poderase ter sempre un recordo físico do pasado centenario da planta", explican.
Deste xeiro piden:
1. Que sexa cortado nos anacos mais grandes posibles.
2. Que toda a madeira resultante do proceso sexa gardada nun lugar axeitado para a boa conservación da mesma.
3. Que de maneira inmediata se abra un concurso de ideas para convertir eses restos da árbore en arte.
Aportan máis ideas, sinalando que "o lugar de exposición da propia obra podería ser o propio xardín, cunha galería fotográfica que mostre a vida e morte da árbore, aínda que entendemos que isto si debe ser un tema a tratar coa dirección do Instituto, coa Fundación Fernando Blanco e coa Consellería de Educación".