Buserana abre os actos do Día da Muller Traballadora cunha sesión de vídeo-forum
Xa chega o Día Internacional das Mulleres, concretamente o vindeiro venres 8 de marzo. É esta unha data especial na Costa da Morte gracias ao gran traballo da Organización de mulleres Buserana. Este 2013 seguen achegando esta problemática á Costa da Morte e o fan, para comezar as accións, cunha proxección-debate en Cee, centrado no aborto.
A proxección e posterior debate terán lugar este xoves 28 de febreiro ás 20.15 no Café Express, na Praza da Constitución, en Cee.
Trátase dun acto de vídeo-forum sobre a película "4 meses, 3 semanas, 2 días", de Cristian Mungiu. Palma de ouro no Festival de Cannes 2007 e Mellor película europea dese mesmo ano, "4 meses, 3 semanas, 2 días" é unha obra mestra sobre o aborto. Nestes tempos, nos que os dereitos das mulleres están en retroceso coa desculpa da chamada crise económica, defendemos que o dereito a decidir sobre o noso corpo e a nosa vida é noso, das mulleres, e as consecuencias de limitar ese dereito son gravísimas, como se pode ver nesta cinta, explican.
E xa están artellando o resto dos actos que terán lugar a semana vindeira con motivo do 8 de marzo, Día das Mulleres, que presentaremos estes días.
Novas relacionadas
- A Costa da Morte celebra un 25N en contra do cómplice silencio.
- 25N sen silencio: Curtas que non calan.
- 2011: Día da Muller Traballadora: Unha loita moi viva.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).