Día da Muller Traballadora: Unha loita moi viva


Foron numerosos os actos na bisbarra polo 8 de marzo, Día da Muller Traballadora. Todo o mundo coincide nunha cousa, falamos, como de toda esta clase de días, dun día que non debería ser necesario, pero que polo de agora fai falta. Non perdan ollo do Manifesto da Buserana que dá conta de que o asunto non é unha loita do século pasado, é pura actualidade.

Así, unhas 60 persoas acodiron á praza que leva precisamente o nome de 8 de marzo, en commemoración polo Día da Muller Traballadora. Achegaronse veciños de toda a zona convocados pola única asociación feminista da bisbarra, Buserana, que para o día de onte contou, por primeira vez, coa colaboración do Concello.
Cristina Ledo encargouse de ler o comunicado das Mulleres Galega en loita polos dereitos, mentres que foi Chicha Martínez, a que deu voz ao manifesto que preparou a propia entidade costeira.

Momentos simbólicos se viviron cando maiores e pequenas escribiron os seus pensamentos e esixencias nuns pequenos cartóns. Algún do eido "Queremos un mundo en feminino" ou "Concienciación", e outros máis concretos: "Gallardón dimisión".
Ademais, a entidade animou á veciñanza a acodir á mobilización do domingo 11 de marzo en Compostela. Sairán ademais buses dende a estación de Cee ás 10:00h para chegar á saída da manifestación, que será as 12:00h na estación de tren.
Os cativos de Carnota crean unha campaña

Pero houbo máis actos, como os que protagonizaron os alumnos dos tres centros educativos de Carnota. Todos eles foron os responsables da campaña publicitaria "Mulleres e homes capacitados por igual", que incluíu dende carteis, banners e ata unha cuña radiofónica.
Este proxecto, cuxo obxecto é educar e concienciar en materia de igualdade, desenvolveuse en tres sesións, nas que o alumnado ademais de traballar no deseño da campaña e abordar contidos e técnicas propias da linguaxe publicitaria, afondou en conceptos como corresponsabilidade, igualdade de oportunidades e coeducación.
Ademais, os maiores tamén terán o seu protagonismo e ó longo da tarde do vindeiro 9 de marzo, a partir das 16:30h no Salón de Actos do Concello, e comezará cun Obradoiro sobre o “Encontro coa memoria”. De contado terá lugar a presentación do libro "Un mar de mulleres", de Marta Dacosta.
Vimianzo integra os escolares na educación pola Igualdade

Dentro da programación semanal do Día Internacional da Muller Traballadora os escolares de Baíñas e Vimianzo veñen realizando desde o pasado luns na Casa da Cultura uns obradoiros para analizar as causas da desigualdade de xénero. Con estes obradoiros preténdese levar á reflexión aos nenos e nenas sobre a análise de causas e raíces da desigualdade na nosa sociedade.
Para rematar a actividade tiñan que completar as pólas dunha árbore xigante con diferentes temas, o que os levou a un resultado final de desigualdade de xénero. Na reflexión final os escolares sacaron as súas propias conclusións sobre as causas da desigualdade.

Comunicado de Buserana polo 8 de marzo 2012

Esixencias das Mulleres Galegas
Neste 8 de marzo, as mulleres feministas galegas en loita polos nosos dereitos, ESIXIMOS:
- Medidas concretas e recursos públicos en todos os ámbitos para erradicar a violencia machista (educativos, sanitarios, de información e de protección).
- Sanidade pública, universal e gratuíta de calidade, con atención especializada á saúde das mulleres.
- Ensino público, gratuíto, non sexista, laico, de calidade e en galego.
- Prestacións sociais e pensións dignas. Establecer medidas de acción positiva para evitar as desigualdades no acceso e na contía das pensións, derivadas de situacións de discriminación.
- Medidas para equiparar os dereitos laborais e de protección social das traballadoras do servizo doméstico cos demais réximes.
- Medidas que faciliten a regularización das persoas migrantes residentes e que garantan a plena igualdade de dereitos co conxunto da poboación galega.
- Accións dirixidas a eliminar as desigualdades salariais, a temporalidade, a precariedade dos traballos feminizados e a sobreexplotación das mulleres.
- Aplicación da Lei de titularidade compartida nas explotacións agrarias.
- Unha política laboral, agraria, alimentaria, fiscal e social en función das necesidades da cidadanía, que estableza medidas de acción positiva para poñer fin á discriminación das mulleres e que poña freo á emigración da mocidade galega.
- Servizos sociais públicos de calidade que dean cobertura ás necesidades de coidado de familiares e persoas a cargo.
- Medidas que permitan compatibilizar a vida persoal, familiar e laboral, tanto aos homes coma ás mulleres.
- Medidas urxentes para a creación e a estabilidade do emprego. Implantación de medidas dirixidas a eliminar a discriminación salarial das mulleres.
- Medidas que garantan unha vida plena para as persoas con diversidade funcional.
- Dereito a gozarmos a nosa sexualidade, sexa cal for a nosa orientación sexual e a desenvolver un proxecto de vida en liberade e equidade.
- Respecto aos nosos dereitos sexuais e reprodutivos, que inclúe o control dos nosos corpos, garantindo o dereito ao aborto gratuíto na sanidade pública.
Novas relacionadas
- A Costa da Morte reinvidica á Muller Traballadora tras un ano de retroceso en materia de Igualdade.
- Rosalía ilustra ás mulleres de Ponteceso.
- Vimianzo conmemora o Día Internacional da Muller Traballadora cunha semana de actividades.
- Aurora Marco protagoniza o mes de marzo da Galería Mulleres e se achega por Muxía.
- As curtas da mocidade da Costa da Morte contra a violencia de xénero.
Máis novas
- 4 imaxes que loitan contra a violencia de xénero dende Camariñas.
- A mocidade da Costa da Morte revírase contra a violencia de xénero.
- Loitando contra o Fermento do silencio .
- O Soliloquio de Susana Alvite sobre o Día Internacional contra a Violencia de Xénero: Outro día máis sen razón de ser.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).