Domingo. 15.12.2019
El tiempo

Buserana convoca o luns a concentración do 25N baixo o lema "Se é machista, non é xustiza"

Buserana convoca o luns a concentración do 25N baixo o lema "Se é machista, non é xustiza"

Este luns 25 de novembro é o Día Internacional para a erradicación da Violencia de Xénero. Unha das máis activas entidades feministas da comarca, que ademais vén de participar na Tertulia Violeta de QPC, a Organización feminista Buserana convoca un acto na Praza 8 de marzo, en Cee, baixo o lema "Se é machista, non é xustiza". A cita será o propio luns ás 20:30h.

Deste xeito, nesta ocasión poñemos o foco, xunto cos colectivos feministas da Marcha Mundial das Mulleres na Galiza e da Plataforma feminista galega, nos procesos que teñen que pasar, e con demasiada frecuencia sufrir, as mulleres que denuncian algún tipo de violencia machista.

A falta de medios, persoal non especializado nen formado na atención as mulleres que sofre estas violencias, a desprotección das crianzas ante os agresores, son só algúns dos aspectos para os que demandan tanto o financiamento coma vontade política e institucional necesarias para evitar unha violencia engadida.

Comunicado da Buserana do 25 de novembro de 2019:
"SE É MACHISTA, NON É XUSTIZA!"

Nos últimos anos constatamos o incremento da toma de conciencia feminista das mulleres e dos avances formais que o feminismo organizado impulsou e conseguiu trasladar ás institucións e á sociedade en canto á violencia machista. Mais todos estes avances resultan insuficientes, e moitos, ademais, están reproducindo violencias contra as mulleres que temos a obriga de visibilizar e denunciar. 

Queremos neste 25N colocar o foco sobre a violencia xudicial que reproduce cada día no noso país violencias contra as mulleres e as crianzas. As leis de igualdade e contra a violencia machista definen un marco legal de protección ás mulleres que non se esta facendo efectivo na súa aplicación.. E a reprodución das violencias durante os procesos xudiciais remata por facer que as mulleres se cuestionen o feito mesmo da denuncia.

Cada día nas comisarías e xulgados da Galiza mulleres que denuncian violencia machista ven violentados os seus dereitos á defensa, á protección das súas fillas ou á protección fronte aos seus agresores. Falta de asesoramento cando se decide denunciar e no momento da denuncia e do atestado policial que as acompañará durante todo o proceso posterior, medidas cautelares nas que se dita afastamento para os agresores e ao tempo vistas do agresor coas súas crianzas, réximes de visitas para agresores sexuais das crianzas, informes que culpabilizan, xulgan ou revitimizan as mulleres, unha xudicatura machista empeñada en que os maltratadores poden ser bos pais para crianzas que a lexislación xa define como vítimas de violencia machista, falta de formación, falta de empatía e implicación dos axentes que interveñen nos procesos xudiciais, falta de xulgados específicos de violencia machista, …

E así, a violencia non remata coa denuncia, senón que pasa do ámbito máis privado ao público, engadindo ao xa sufrido unha violencia a institucional. 

A responsabilidade de que isto remate é colectiva, dende quen recibe á agredida cando vai denunciar, pasando por quen realiza os informes ignorando o benestar das mulleres e das crianzas, a quen dicta sentenza ou atende nos puntos de encontro familiar. Cada unha destas intervencións pode xerar unha violencia ou contribuír para acabar con ela.

Por isto reclamamos ás institucións:

➡Información pública do proceso de denuncia machista e dos dereitos das mulleres: a estar acompañadas por avogadas no momento da denuncia, á atención psicolóxica e o acompañamento, a solicitar medidas de protección, a coñecer os recursos á súa disposición.

➡Formación específica de todo o persoal e axentes que atenden a mulleres que sufren violencia machista en todos os níveis da administración pública: policial, xudicial, administrativo e social.

➡Dotar aos CIMM da Galiza de medios suficientes para a atención e asesoramento de mulleres que sufran violencia e que ese persoal acredite formación específica en violencia machista.

➡Esixir a coordinación dos recursos públicos de atención e acompañamento ás mulleres que sofren violencia, así como información da súa disponibilidade, pois a violencia non sabe de horarios.

➡Revisión da atención e servizo que se presta nos organismos públicos nos que se emiten informes que afectan aos procesos de denuncia.

➡Modificar o decreto dos Puntos de Encontro Familiar. 

➡Solucións económicas reais para as mulleres que denuncian violencia machista que garantan a súa capacidade económica como incrementar o salario da liberdade en cuantía e duración.

Esiximos á Xunta de Galiza instar ao Ministerio de Xustiza e ao goberno do Estado a:

➡Aplicar a lexislación internacional en materia de violencia machista retirando as visitas das crianzas a homes denunciados por agresións machista ate a existencia dunha sentenza firme.
➡Retirar as visitas e patrias potestades das crianzas a homes denunciados por agresión sexual ou maltrato infantil ante a existencia de sentenza firme por violencia machista. Reclamar o fin da imposición da custodia compartida imposta con maltratadores. Modificar a lei para establecer medidas de protección das crianzas vítimas de violencia machista fronte ao agresor.

➡Creación de máis xulgados específicos de violencia machista na Galiza con persoal especializado.

Resistimos para vivir, marchamos para transformar!!

Novas relacionadas

Comentarios