mércores. 30.04.2025
El tiempo

Carballo, Cee, Corcubión e Muxía celebran o Día do Libro

Carballo, Cee, Corcubión e Muxía celebran o Día do Libro
Xose Manuel Varela presentando o Grilo Milleo no CEIP Fogar

O Día internacional do Libro celébrase o 23 de abril, data instituida pola UNESCO en 1995 atendendo á casualidade de que a morte de Miguel de Cervantes se correspondía coa data do aniversario do nacemento e morte de William Shakespeare (aínda que na realidade non foi así).

E na Costa da Morte tamén hai xente que se preocupa pola data, e por espallar a necesidade de que o libro, de que a lectura, forme parte da nosa educación. Por iso, chégannos varias propostas.

Pero xa houbo quen comezou a celebralo, como o CEIP Bergantiños, que recibía onte a visita de Xosé Manuel Varela Varela e Icía Varela Gómez, co seu O grilo Míllelo, publicado no selo editorial de Edicións Embora de Ferrol. A recén inaugurada biblioteca do centro carballés recibíu a primeira visita do Grilo ás escolas da comarca de Bergantiños.
Os autores desenvolveron un obradoiro de ilustración arredor das imaxes do libro, cunha lectura dramatizada, que rematou cun interesante un coloquio co alumnado, no que participou tamén o escritor carballés Fernando Cabeza Quiles.

Houbo tamén tepo para a música, pois se desenvolveu un obradoiro o musical, a cargo dos compoñentes d’A Banda do Grilo (Gabi Pérez Varela –saxofón-, Lucía Dourado Novo –gaita-, Icía Varela Gómez –acordeón-, María Moscoso Veiga, Andrea Suárez Ceán e Ángela Varela Doldán –voces-). Toda unha experiencia para os cativos bergantiñáns.

Mostra en Cee

Mostra da Semana do LIbro de Cee

Da man de José Ramón Rey Senra, a Biblioteca Pública Municipal "Francisco Mayán" acolle ata o 5 de maio, unha mostra bibliográfica de obras de Cervantes e Shakespeare. Así mesmo, e co gallo deste acontecemento cultural se realizarán visitas guiadas ás dependencias da biblioteca, dirixidas aos alumnos/as dos diferentes centros educativos da Comarca. Só teñen que preguntar polo responsable, sempre traballando para facilitar o acceso á cultura do maior número de persoas posible.

Ademais, este xoves 23, Pavillón de Cee celebraba a data da man da ANPA Uxío, ca iniciativa dos pais e nais dos alumnos. Os libros foron doados por alumnos do colexio e os cartos recaudados ca súa venda, son para actividades dos propios alumnos.

Dia do LIbro en Cee-Fotos-Rafa Quintans

Un libro por nacemento en Muxía

Libro por neno en Muxia

O Concello de Muxía fai pública no Día do Libro a posta en marcha do programa “Cun libro debaixo do brazo”. Esta iniciativa parte do grupo de traballo que mantén a Biblioteca Municipal xunto coas Bibliotecas Escolares do municipio. Os obxectivos do programa son promocionar a lectura, dinamizar a Biblioteca Municipal como un lugar vivo que se ofrece coma unha atractiva alternativa de lecer, achegar á poboación a percepción dos libros como agasallos valiosos para compartir en familia, e dar a benvida ao novo pequeno veciño ou veciña, felicitando tamén aos seus pais.

Para elo o Concello agasallará, dende este mes, cun libro e o carné da Biblioteca Municipal a cada neno ou nena que naza no municipio.

Tamén no CEIP Os Muíños

Durante as xornadas do 23 e o 24 de abril, o CEIP "Os Muíños" celebrará a data "lendo" dun xeito diferente. Xa que este curso traballan en torno ao tema do cine, o libro escollido foi a obra "Superman" de Joe Shuster e Jerry Siegel. Para darlle un carácter especial ao acto asistirán a unha "sesión continua" de proxección de fragmentos da película do director Richard Donner e protagonizada por Christopher Reeve. Escolleuse esta modalidade entendendo que a banda deseñada é a mellor representación do cine na literatura.
Os actos do mes do libro concluirán na tarde de mañá, na que se sucederán diversas actuacións e contaremos co agasallo da visita do poeta Suso Bahamonde.

A Biblio de Corcubión

A Biblioteca Pública de Corcubión artella a Semana da liberación dos libros. Entre o 20 ó 26 de Abril, a a través da iniciativa Bookcrossing, deixarán libros en sitios destacados da nosa localidade para que viaxen e atopen novos lectores. Unha fermosa iniciativa.

Ademais artellan unha lista de actos, como dúas sesións de contos infantís:

  • 23 de Abril ás 18:30h (Casa da Cultura): “Pulgarcita/El patito feo”, de Hans Christian Andersen.
  • 24 de Abril ás 18:30h (Casa da Cultura): La Sirenita”.

Ademais, o 30 de Abril: comentarán a novela: “Balzac y la joven costurera china”, de Dai Sijie ás 19:30h, na Biblioteca Pública de Corcubión.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).

Comentarios