luns. 20.04.2026
El tiempo

A grave actuación da Xunta ante unha sentenza xudicial que a obriga a dotar de recursos ao IES Agra Raíces

Concentracion contra os recortes no IES Agra Raices
A comunidade escolar do IES Agra Raíces leva protestando contra os recortes dende comezo de curso
A grave actuación da Xunta ante unha sentenza xudicial que a obriga a dotar de recursos ao IES Agra Raíces

Gravísimo o que está a realizar a Consellería de Educación nos centros de ensino de Cee. Unha administración que estira os recortes ata facer que as familias teñamos que acodir á Xustiza para manter atentidas dignamente ás nosas crianzas. O que está facendo a Xunta este ano co profesorado auxiliar é digno de estudo.

Un exemplo témolo estas datas en Cee. Unha familia levou ao xulgado a situación dun alumno con Necesidades Educativas Especiai do IES Agra de Raíces. A resolución xudicial recente obrigou á Consellería de Educación a dotar cautelarmente, cun profesional de Audición e Linguaxe (AL), tras constatarse a necesidade deste recurso para atender ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

En cumprimento desta sentenza, a Consellería procedeu á contratación dunha docente de Audición e Linguaxe a media xornada. Porén, a distribución da súa xornada laboral foi realizada entre dous centros: o CEIP Virxe da Barca, en Muxía, e o IES Agra de Raíces, en Cee. Neste último centro asignáronse unicamente 100 minutos de atención, unha cifra semellante á do curso anterior.

Esta decisión xerou un erro de cumprimento da orde xucidial cautelar (ata que se celebre o xuízo). O que obrigou á Consellería a tomar novas medidas, e no canto de facer unha nova contratación perferiu quitar horas do AL das Unitarias de Cee (CEIP de Brens e no CEIP Pereiriña) e completar os minutos (si, cóntase por minutos, e a día de hoxe un neno con NEE pode contar con 25 minutos de atención semanala por parte do AL…)

Esta medida supón unha reordenación de recursos que afecta a varios centros educativos da zona, ampliando o impacto da decisión inicial, e poñendo as familias unhas en contra das outras. “Isto non é planificación, é parcheo; non é xestión educativa, é recorte encuberto; non é defensa do dereito á educación, é unha renuncia expresa a garantir a igualdade de oportunidades do alumnado máis vulnerable”, denuncian as ANPAS Galegas nun comunicado.

Outro dos aspectos que suscita interrogantes é a diferente referencia á sentenza xudicial segundo o momento da xestión: mentres non se menciona na asignación inicial da profesional, si se utiliza como xustificación na posterior retirada de recursos a outros centros.

Neste contexto, queda aberta a cuestión de por que non se optou por ampliar a dotación horaria da profesional contratada para dar cumprimento pleno á resolución xudicial, evitando así a redistribución de recursos entre centros.

Silencio administrativo

Dende as familias ceenses lamentan o silencio administrativo por parte da Consellería que obrigou ao Xuiz a tomar estas medidas cautelares antes da chegada do xuízo. Tan grave, ou máis, é a posición da Valedora do Pobo, que responde copiando e pegando o argumentario da Xunta, e pechou o caso. “A Valedora do Pobo defende a Xunta ou ao pobo?” pregúntanse as familias.

Con todo, a Consellería anunciou que defenderá o seu procedemento na vía xudicial correspondente defendendo os seus criterios.

As ANPAS GALEGAS

Para a Confedereación de ANPAS Galegas, “A propia normativa galega de atención á diversidade establece que a Consellería e os centros docentes deben asegurar a eliminación das barreiras que limiten o acceso, a presenza, a participación ou o aprendizaxe do alumnado en situación de vulnerabilidade socioeducativa e cultural, garantindo unha educación inclusiva, de calidade e en igualdade de condicións co resto do alumnado. O que hoxe fai a Administración é exactamente o contrario: vulnera o espírito e a letra desa normativa e demostra unha preocupante falta de compromiso co dereito á inclusión”.

Denuncia do BNG

Tamén critica a situación o BNG, que tacha a Educación de “miserables” por negar todo este curso profesorado suficiente ao alumnado con necesidades especiais da Costa da Morte. “O desmantelamento da educación pública polo PP parece que hai que paralo nos tribunais de xustiza, e é ben triste chegar a este punto”, afirma Insua, que esixe que se restitúan tanto o profesorado no IES como nos centros de primaria.

Máis novas

Comentarios