Cee recibe este martes unha charla informativa sobre como aforrar na factura da luz
10:24 27/06/22
A Casa de Cultura de Cee acollerá este martes 28 de xuño ás 11.00 horas, unha charla informativa sobre a factura eléctrica. Unha charla de interese xeral para toda a veciñanza que será de acceso gratuíto que será impartida por persoal técnico do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) dentro da súa campaña informativa, de apoio e asesoramento á cidadanía galega.
Durante a charla, os veciños e veciñas de Cee recibirán consellos e orientacións para aforrar na factura da luz incidindo nas diferenzas entre mercado regulado e libre (e como identificar en cal están incluídos), como ler a nova factura e coñecer os conceptos que a integran como a peaxe, os cargos ou a marxe de comercialización fixa.